Bará pide en Bueu o apoio para o BNG de Ana Pontón como a única esperanza para o voto galeguista

Bueu
28 de xuño 2020

O cabeza de cartel lembrou que é necesario que haxa unha gran mobilización por terra, mar e aire, durante a xornada electoral porque a abstención é a gran aliada do Partido Popular

Luís Bará, candidato do BNG pola provincia, durante o mitin en Bueu BNG

Luís Bará, candidato do BNG por Pontevedra, ofrecía un mitin en Bueu durante este domingo solicitando que se concentre o voto galeguista na figura de Ana Pontón, candidata do Bloque Nacionalista Galego para presidir a Xunta de Galicia.

Segundo expresou o representante nacionalista, Pontón é a auténtica opción da "esperanza e futuro" para Galicia que permitirá un cambio de goberno. Paulo Ríos Santomé e Miriam  Ferradáns, candidatos pola comarca do Bloque, acompañaron a Bará neste encontro coa veciñanza de Bueu onde manifestou que é posible un cambio na Xunta porque existe unha maioría social que o quere e sinalou, neste sentido, que as enquisas demostran que un 60% da poboación non se atopa a gusto cun goberno do PP, tal e como se demostrou nos comicios municipais, apuntou.

O cabeza de cartel lembrou que é necesario que haxa unha gran mobilización por terra, mar e aire, durante a xornada electoral porque a abstención é a gran aliada do Partido Popular, afirmou para lembrar que a maioría de votantes, 700.000 persoas, aínda non decidiron o voto para estas eleccións autonómicas.

Asegurou que o BNG está a mostrar unha tendencia de crecemento imparable e ten dous obxectivos fundamentais nesta cita coas urnas:  "derrotar dun golpe á dereita reaccionaria e insolidaria do PP e derrotar ao mesmo tempo o centralismo e a dependencia que nos afoga e que nos paraliza. E en segundo lugar, facer historia poñendo á fronte do noso país unha muller nacionalista, a primeira presidenta da historia de Galiza, Ana Pontón".

Bará tamén tratou temas locais como o problema que sofre a veciñanza da Illa de Ons, entre os que se atopaban numerosos representantes durante o mitin. O representante nacionalista criticou a falta de respecto do goberno do Partido Popular ao non atender as demandas veciñais. E comprometeuse a traballar desde a Xunta para convocar a Mesa por Ons e respectar o acordo sobre o acceso á illa. "O patrimonio da Illa é a súa humanidade", indicou Luís Bará.