Bará insta á Xunta a estender o plan compost da Deputación a toda Galicia

Pontevedra
14 de xuño 2017

A proposta, que contou co apoio de PSdeG-PSOE e En Marea, foi rexeitada polo Partido Popular. Jacobo Moreira, deputado do PP, asegurou que ese plan provincial para promover a compostaxe na provincia "non ten rumbo algún" e acusou aos nacionalistas que pretender agora "involucrar nesa viaxe á Xunta de Galicia para compartir esa indefinición"

Luis Bará, nunha comisión do Parlamento galego BNG

O Plan Revitaliza da Deputación foi o protagonista este mércores no Parlamento galego. E todo porque o deputado Luis Bará (BNG) instou á Xunta de Galicia a iniciar un diálogo coa administración provincial para ampliar esta iniciativa a toda a comunidade. A proposta, que contou co apoio de PSdeG-PSOE e En Marea, foi rexeitada polo Partido Popular.

Jacobo Moreira, deputado do PP, asegurou que ese plan provincial para promover a compostaxe na provincia "non ten rumbo algún" e acusou aos nacionalistas que pretender agora "involucrar nesa viaxe á Xunta de Galicia para compartir esa indefinición".

Bará, na proposta debatida na comisión de Ordenación do Territorio, pediu que a compostaxe domiciliaria, comunitaria e en planta se estableza como sistema universal de tratamento dos biorresiduos urbanos no horizonte do ano 2018.

O parlamentario insistiu en que resulta imprescindible promover enerxías limpas e renovables e un novo modelo de xestión e tratamento dos residuos de orixe industrial e residuos sólidos urbanos primando a "redución, a reutilización e a reciclaxe" ademais de potenciar o tratamentos de proximidade e a compostaxe dos biorresiduos.

O nacionalista censurou que o Partido Popular "siga na senda de beneficiar a empresas privadas" e ancorado nun modelo de residuos "fracasado, centralizado e defendendo os intereses particulares e privados" e impedindo "tratamentos alternativos".  

"Vostedes apostan polos vertedoiros e a incineración con grandes custes ambientais e económicos", sinalou Bará, que criticou que o goberno defenda unha estratexia contra o cambio climático e aposten por seguir utilizando un sistema "fracasado e con macrocontratos para ampliar a planta de Cerceda e ampliar os residuos nun millón de toneladas". 

Tras acusar Bará aos populares de "sabotear" o modelo que propón a Deputación, Moreira asegurou que "a día de hoxe a Deputación non informou á Xunta sobre as actuacións que pretende levar a cabo en materia de xestión de residuos" e lamentou que "o único do que temos noticia é de que están pagando por alugar uns terreos para unha planta de compostaxe da que non se ten nin proxecto".

O deputado do PP reiterou que a Xunta aposta pola compostaxe a través do plan de xestión de residuos urbanos 2010-2022, como xestión efectiva dos biorresiduos, e apuntou que "en todo caso, corresponde ás entidades locais, no marco das súas competencias, elixir o modelo axeitado para os biorresiduos xerados no seu ámbito territorial".

Moreira avogou por seguir impulsando a compostaxe doméstica da man de Sogama, "que xa conta con 216 entidades adscritas de toda Galicia e ten subministrado preto de 7.000 composteiros". 

A isto, súmanse, recordou, actuacións divulgativas e formativas, así como a posta en marcha nas instalacións de Cerceda dunha planta de compostaxe industrial con capacidade para 15.000 toneladas anuais, na que tratará a materia orgánica procedente dos concellos limítrofes, cunha previsión de xerar cada ano entre 3.000 e 4.000 toneladas de compost de boa calidade.