Bará contrapón a eficacia do Plan Monte Vivo fronte á "aposta do PP polo monocultivo do eucalipto"

Pontevedra
28 de setembro 2012

O candidato sinala en Xeve que o programa electoral do BNG "opta por que o bosque sexa un activo económico rendíbel para os propietarios e profesionais do moble e da serra"

Luis Bará durante o seu encontro cos veciños e comuneiros de Santa María de Xeve BNG

"Monte Vivo é un exemplo do que pode chegar a ser o monte galego a longo prazo, xa que os gobernos do PP só apostan polo monocultivo do eucalipto, a falta de innovación e o abandono do mercado que permite que os prezos da madeira alcancen mínimos históricos". A afirmación realizaa o candidato número catro do BNG por Pontevedra, Luis Bará, que, como xa ven sendo habitual na precampaña das elecións do 21-O pon as actuacións postas en marcha na capital como exemplo a extrapolar ao resto de Galicia.

Bará realizou esta referencia ao programa municipal Monte Vivo durante un encontro con representantes da Comunidade de Montes de Santa María de Xeve e  veciños da parroquia no que coñeceu as accións máis significativas que se realizaron en Xeve con cargo ao Plan Monte Vivo.

Recordou que esta iniciativa se puxo en marcha nos montes do término municipal despois da vaga de lumes que devastou 38.500 hectáreas de terreo en dúas semanas na provincia co fin de rexenerar as zonas queimadas e axudar aos afectados a paliar os efectos do lume. Na opinión do candidato nacionalista "é todo un resumo da alternativa do BNG para o sector forestal galego".

Na súa visita a Santa María de Xeve, Bará trasmitiu aos veciños o contido do programa electoral do BNG, que "opta por que o bosque sexa un activo económico rendíbel para os propietarios e profesionais do moble e da serra". Na súa opinión, para lograr este obxectivo, "faise precisa unha nova política forestal que fomente a agrupación das propiedades e a diversificación forestal impulsando as caducifolias e as madeiras de calidade e certificando os procedementos da produción".

Insistiu, nesta liña, en que "a importancia dos montes veciñais fai necesario ordenalos para mellorar a eficacia na súa xestión" e fixo referencia a que a ameaza dos incendios "obriga a retomar as políticas preventivas en colaboración con toda a poboación relacionada co monte", ao mesmo tempo que a "profesionalizar os dispositivos e converter o sistema de gardas forestais nunha auténtica policía administrativa e xudiciaria".

Arquivado en