A sanidade é o eixo sobre o que pivotou a primeira xornada da campaña electoral do BNG en Pontevedra. Foi co encontro que Luis Bará, candidato pola provincia, mantivo este venres cos sindicatos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Ante eles, o dirixente nacionalista comprometeu o apoio do BNG para frear as privatizacións nos hospitais galegos e o deterioro dos servizos sanitarios, nomeadamente no denominado Gran Montecelo, e apostar por una sanidade pública "universal e gratuíta".
A este respecto, Bará denunciou os "continuos pasos" da Xunta na privatización da atención sanitaria e asegurou que a externalización do servizo de mantemento do complexo hospitalario de Pontevedra "é unha pinga máis" neste proceso.
"Está claro que aquí hai unha operación para favorecer os intereses privados tanto na contratación da obra, na construción e no mantemento, cun contrato ponte de tres anos que, unha vez entre unha empresa construtora aí, será para sempre", apuntou o candidato do BNG.
Ante situacións como esta, Bará destacou que as eleccións do vindeiro 12 de xullo teñen que servir para "pararlle os pés" a un Partido Popular que "está degradando e deteriorando un servizo público fundamental tanto para a saúde como para a equidade da xente".
O candidato do BNG por Pontevedra afirma que "está claro" que o PP está "ao servizo das grandes empresas" e que entenden a sanidade "como un negocio".
Bará insistiu que nestes momentos Galicia precisa un "tempo novo" e un goberno que traballe "en beneficio da maioría social" e asegurou que o proxecto que lidera Ana Pontón "modernizará e traerá xustiza e equidade social á sociedade galega".