"Reivindicar un servizo ferroviario de cercanías entre Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e un transporte público colectivo de alta calidade". ÿ unha reivindicación permanente do BNG. No sexto día de campaña electoral, o candidato número catro da lista nacionalista en Pontevedra, Luis Bará, achegouse ata o mesmo tren para recordalo.
Bará realizou unha viaxe en tren acompañado doutros membros do Bloque. Alí insistiu en que o BNG reclama a transferencia do transporte ferroviario a Galicia e "o freo aos procesos privatizadores que o PP está impulsando no sistema de ferrocarrís".
"A área máis dinámica de Galiza merece un tren de calidade, con frecuencias e paradas á altura dun transporte público desenvolvido e coa intermodalidade necesaria", declarou o candidato. A intermodalidade pasa así mesmo pola proposta do BNG de remodelar completamente a Estación de Autobuses de Pontevedra (competencia autonómica), realizar un novo acceso desde a futura avenida de Vigo e conectar ámbalas estacións, para mellorar a seguridade e a comodidade dos viaxeiros", indicou o nacionalista.
Seguindo coa súa política de campaña de achegar aos colectivos, Bará reúnese este xoves 11 de outubro con representantes das entidades sociais da cidade no local social do Gorgullón. Estará acompañado pola concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, e "analizarán as consecuencias que está a ter a crise actual nas familias máis desfavorecidas, e as medidas que se poden tomar nesta situación".