Bará (BNG) chama a participar nos asuntos públicos, "especialmente nos momentos críticos"

Pontevedra
17 de outubro 2012

Foi a principal mensaxe que trasladou o candidato BNG durante o encontro que mantivo con representantes das federacións de veciños Castelao e Teucro

"A participación da sociedade na xestión dos asuntos públicos é un factor fundamental, especialmente nos momentos máis críticos". Foi a principal mensaxe que trasladou o candidato BNG, Luis Bará, durante o encontro que mantivo con representantes das federacións de veciños Castelao e Teucro.

Luís Bará destacou a repercusión que, segundo a súa opinión, ten a política de recortes sociais imposta polo PP nas familias, "xa que en moitos lugares son precisamente as asociacións de veciños as que están prestando servizos de emerxencia, ante o abandono de concellos e gobernos".

Neste sentido, o candidato nacionalista destacou o traballo que ven realizado o goberno municipal de Pontevedra, ao que cualificou de "referente para este tipo de xestións", con iniciativas de apoio ás entidades de emerxencia e cun potente dispositivo de benestar social para mitigar no posible situacións desesperadas.

En relación coa mellora da democracia, Luis Bará afirmou que o BNG promove un sistema electoral "limpo, xusto e fiable" a través dunha da lexislación electoral que rebaixe ao 3% a barreira para acceder ao Parlamento galego, ou a regulación das consultas populares "co fin de asegurar que as decisións políticas relevantes en materia de orzamentos, xestión de servizos e recursos públicos, organización territorial, dereitos e liberdades, sexan tomadas directamente pola cidadanía".

Bará fixo fincapé na defensa do ensino público, da sanidade pública e dos servizos públicos como garantía de equidade e xustiza social. "Están ameazados e  desmantelados por políticas de dereitas. Estas eleccións son para defendelos", dixo o candidato do BNG.

Para avanzar nestas cuestión, o BNG propón entre outras medidas, a insubmisión aos recortes "mentres se fornece de capital á banca privada", o establecemento dunha banca pública, un cambio na política fiscal para que "todas as empresas do país paguen os seus impostos en Galicia", ou incrementar a produción dos sectores nos que podemos despuntar. Para todo iso, asegurou, é necesario un maior autogoberno. "Nisto non podemos recortar".

 

Arquivado en