Bará asume o "erro" do pavimento do cruzamento entre Benito Corbal e Daniel de la Sota

Pontevedra
02 de agosto 2014

O actual pavimento, colocado hai apenas quince días, será substituído de novo tras comprobar que non funciona, segundo confirmou Luis Bará. Este novo cambio non terá custo económico ningún para o Concello de Pontevedra, porque trátase dun "fallo de execución" que vai a cargo do contrato inicial coa empresa que executou estes traballos

Pavimento que se colocou no cruzamento entre Benito Corbal e Daniel de la Sota PontevedraViva

O goberno municipal asume que a solución formulada para o cruzamento entre Benito Corbal con Daniel de la Sota e Cobián Roffignac, onde se buscaba colocar un pavimento diferenciado para deixar clara a preferencia peonil na zona, foi unha actuación "falida". Non unha, senón dúas veces. O actual pavimento, colocado hai apenas quince días, será substituído de novo tras comprobar que non funciona, segundo confirmou Luis Bará.

O edil nacionalista afirmou que "asumo a responsabilidade" sobre este asunto. Asegurou que se intentou rectificar as deficiencias detectadas na primeira solución adoptada, pero comprobaron que o novo material colocado no cruzamento "non adhire ben", probablemente polo estado e a configuración da propia rúa.

De aí que Bará avanzase que sen perder de vista o obxectivo de lograr habilitar unha zona "que faga frear os coches", vaise renunciar ao formulado ata o momento e optarase por unha solución máis convencional. Instalarase un pavimento de formigón liso e coloreado, acompañado por unha sinalización vertical e horizontal máis clara.

Este novo cambio non terá custo económico ningún para o Concello de Pontevedra, porque segundo Luis Bará se trata dun "fallo de execución" que vai a cargo do contrato inicial coa empresa que executou estes traballos. Intentarase ademais que as molestias sexan "mínimas" para veciños e comerciantes da zona.