A ONG Ecoloxistas en Acción volveu a centrar a súa atención na Ría de Pontevedra. Nesta ocasión, inclúen o complexo industrial de Ence e Elnosa no informe 'Bandeiras Negras 2016', un estudo no que destacan as zonas con peor estado ambiental de diversas localidades do Estado español e as actuacións irresponsables por parte de administracións públicas, que promoveron a destrución ou puxeron en perigo o noso maltreito litoral.
Ao complexo industrial de Lourizán atribúenlle ser "responsable da contaminación do aire e do mar" e reprochan tamén a actuación do Goberno en funcións do PP ao renovar a concesión de Ence para continuar na ría 60 anos máis.
O informe de bandeiras negras atribúe ao complexo industrial a responsabilidade de que "impiden o saneamento da ría e destrúen os seus recursos pesqueiros e marisqueiros", ademais de que "inflúen na saúde das persoas e do medio natural". Fai referencia, ademais, en que durante anos os veciños de Pontevedra manifestáronse en moitas ocasións pedindo o fin da pasteira na ría.
O documento dedica boa parte da súa referencia a Pontevedra á decisión do 25 de xaneiro de 2016 do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de outorgar a Ence a prórroga para continuar coa súa actividade ata o ano 2073 e considérao un "atentado contra os intereses xerais e ambientais" aprobado por un goberno en funcións que "como a propia normativa indica, debe restrinxir a súa acción a asuntos urxentes ou de trámite".
Para Ecoloxistas en Acción, a ampliación da prórroga de Ence non está dentro de ningún destes casos polo que resulta "ilegal e inmoral" e máis aínda cando non estaba aínda resolta a caducidade da antiga concesión, esquecendo que unha sentenza firme do Tribunal Supremo acababa de ordenar a iniciación do expediente de caducidade da concesión de Elnosa.
Ademais, lembra que a ampliación desta concesión é posible porque previamente o PP, no ano 2013, aprobou a nova Lei de Costas do Estado, "facendo unha lei a medida que favorece o interese dunha gran empresa contaminante contra a opinión dunha gran parte do pobo" e critica que a Xunta de Galicia, "facendo oídos xordos ao clamor do pobo", apostou e apoiou a ampliación da concesión.
Para esta ONG ambiental, o emprazamento do complexo industrial en Lourizán é "irracional" e tanto o sector forestal e sectores como a pesca e o marisqueo, como a protección ambiental da illa de Tambo están condicionados pola súa presenza na ría. Ademais, indican que "se oculta" que as verteduras das fábricas do complexo industrial "constitúen un dos principais problemas ambientais" da Ría de Pontevedra e "poñen en perigo a pervivencia dos recursos pesqueiros e marisqueiros da zona".
Respecto diso, indica que Ence é "responsable de verteduras masivas" de gran cantidade de materia orgánica o que provoca turbidez e por tanto diminución da penetración da luz o que dá como resultado que diminúa a actividade fotosintética e a cantidade de alimento dispoñible para os moluscos.
En relación con Elnosa, indica que cada ano introduce no sistema de produción de cloro e eslamiada por electrólise uns 400 quilogramos de mercurio que, salvo unha parte que se volatiza como mercurio reducido, o resto pasa a formar parte da vertedura e chega á ría onde por acción bacteriana transfórmase en formas metiladas altamente tóxicas, sempres segundo o informe.