Balance policial de 10 días de festas: 45 denuncias por non levar máscara e 9 a locais por incumprir as medidas covid

Pontevedra
16 de agosto 2021

Houbo 33 sancións por reunións de persoas non conviventes máis tarde da unha da madrugada, 14 por consumir bebida na vía pública, unha por fumar sen respectar a distancia durante un concerto e sete a locais por permitir o consumo de alcol a menores. O PP critica "falta de medidas anti covid e de seguridade"

Policía Local de Pontevedra Mónica Patxot

Os dez días de "programación moi intensa" das Festas da Peregrina resultaron, para o Concello de Pontevedra, un éxito no que se demostrou que "a inmensa maioría" da poboación cumpriu as medidas postas en marcha por mor da pandemia da covid-19. Con todo, sempre hai algúns incumplidores que, durante os días centrais de celebracións, derivaron en sancións da Policía Local. 

Durante todos os días de festa a Policía Local puxo en marcha dispositivos de seguridade que, na práctica totalidade dos casos, tiveron fins preventivos e disuasorios. Algún deles, con todo, tivo que terminar en actuacións concretas máis aló dos fins disuasorios.

Así, formularon 45 denuncias a persoas que non levaban máscara e que, a pesar de que lles realizaron unha primeira advertencia, negáronse "reiteradamente" a poñerlla. 

Houbo outras 33 por reunións de persoas non conviventes máis tarde da unha da madrugada, momento no que pasan a estar prohibidas. Trátase de persoas que estaban a realizar "unha festa sen ningunha medida covid, nin distancias nin máscara nin nada de nada". 

A Policía Local tamén denunciou a 14 persoas por consumir bebida na vía pública e desatender as advertencias municipais e a unha por fumar sen respectar a distancia de seguridade, neste caso nun concerto. Ademais de denunciar a esta. persoa, os policías expulsárona da actuación.

Segundo o balance facilitado pola concelleira de Festas, Carme da Silva, a "inmensa maioría" da xente atendeu ás indicacións dos axentes, pero algúns as desatenderon de forma retirada. Houbo cinco que, tras desatender as peticións policiais, acabaron incorrendo en faltas de respecto. 

Ademais, sete establecementos hostaleiros acabaron denunciados por permitir o consumo de alcol a menores e nove por incumprir as medidas covid. Trátase de tres por incumprir horarios, un por vender alcol a menores, un por ter unha barra no exterior do local e un por incumprir horarios e medidas en xeral, pois había xente na barra, con máis aforo do permitido e sen adoptar as medidas de seguridade mínimas. Ademais, houbo que desaloxar dous locais, un por cuestións de aforo e outro por varios incumprimentos.

CRITICAS DO PP

 A concelleira do PP Pepa Pardo tamén fixo balance este luns das festas e, no seu caso, quixo denunciar que detectou "falta de medidas anti covid e de seguridade" nas celebracións, sobre todo na contorna dos concertos celebrados por distintos puntos de Pontevedra.

Segundo sostén, "houbo grandes aglomeracións antes, durante e despois dos concertos", en especial nas sesións de música levadas a cabo na Praza de España e en Campolongo, onde as imaxes de "botellóns e aglomeracións deixáronnos moi preocupados".

Para Pardo, a adopción de medidas preventivas "brillou pola súa ausencia" por parte dun Concello, que "estivo de brazos cruzados durante toda a pandemia" e o resultado foi o de "escenas que se deberían evitar".