"Baixo o mesmo paraugas" para reivindicar os dereitos das persoas con discapacidade

Pontevedra
03 de decembro 2021

Este venres 3 de decembro conmemórase o Día Mundial das Persoas con Discapacidade. En varios puntos de Galicia celébranse actos reivindicativos dentro da iniciativa "Baixo o mesmo paraugas", que reúne a 90 entidades sociais de toda a Comunidade, e que en Pontevedra tiveron o seu acto central na praza de España

Día Mundial das Persoas con Discapacidade 2021 en Pontevedra Mónica Patxot

Este venres 3 de decembro conmemórase o Día Mundial das Persoas con Discapacidade. En varios puntos de Galicia celébranse actos reivindicativos dentro da iniciativa "Baixo o mesmo paraugas", que reúne a 90 entidades sociais de toda a Comunidade.

"Baixo O Mesmo Paraugas" iniciouse no ano 2016 na Coruña. O paraugas simboliza a unión, coa idea de que "todos temos cabida baixo o paraguas, sen diferenzas" e a través de accións que buscan "visibilizar unha sociedade diversa e plural, pero con desexos e ilusións por igual".

A iniciativa mostra as demandas das persoas con discapacidade cada 3 de decembro e o valor do movemento asociativo, xa que estas agrupacións representan unha base social estimada de máis de 40.000 integrantes, entre persoas con discapacidade, traballadores, familias, socios ou voluntariado.

Na cidade de Pontevedra, a praza de España foi o escenario elixido para que representantes das entidades Asociación Juan XIII, Down Pontevedra, Amizade, Federación ASPACE Galicia, Xoga, Amencer-ASPACE, ASSEII e Andaina Redondela desen lectura ao manifesto con motivo desta data.

O Manifesto do Día Mundial das Persoas con Discapacidade 2021 lembra que o colectivo segue esixindo que os dereitos das persoas con discapacidade estén de xeito permanente nas axendas das administracións, así como a demanda dunha coordinación educativa, social e sanitaria para dar resposta ás necesidades destas persoas. A educación inclusiva, o acceso ao mercado laboral en condicións de igualdade e o dereito a ter unha vida independente son algunhas das reivindicacións das persoas con discapacidade, á vez que insisten en que a situación da pandemia non pode condicionar os seus dereitos fundamentais.

Este acto contou tamén coa presenza do concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e a deputada de Cohesión Social, Olga María García.

Cando caia a noite, e durante dúas xornadas, iluminaranse en verde varios edificios públicos da comarca como o Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra, Concello de Poio e outros edificios emblemáticos da localidade e Fonte Cibernética da praza Massó de Bueu.

CAMPAÑA VIRTUAL

Estas accións compleméntanse cunha campaña nas redes sociais.

Neste sentido, anímase a que toda a cidadanía se faga unha foto este día 3 de decembro abrindo un paraugas e acompañada dunha mensaxe positiva. A continuación, deberá subila ás redes sociais cos hashtag #ParaugasPolaDiscapacidade e #BaixoOMesmoParaugas e etiquetar ao colectivo @galiciadiversa.