Baixa o ritmo de varias obras municipais pola folga do transporte

Poio
25 de marzo 2022

As obras que promove o Concello de Poio están a verse afectadas pola folga no sector do transporte. Así o sinalou o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, despois de pasar revista este venres a varias obras que se están a acometer en diferentes emprazamentos do municipio

Gregorio Agís visitando unha obra Concello de Poio

As obras que promove o Concello de Poio están a verse afectadas pola folga no sector do transporte. Así o sinalou o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, despois de pasar revista a varias obras que se están a acometer en diferentes emprazamentos do municipio.

O edil do goberno local apunta que esta situación "está a provocar que as empresas cada vez teñan máis dificultades para obter os materiais necesarios para levar a cabo os traballos", polo que o o ritmo no avance de varias actuacións "está a reducirse de xeito notable". 

Isto é o que está a suceder, por exemplo, coa reforma integral da Primeira Travesía da Seara, en San Xoán, ou da rehabilitación da contorna de Lameiriña e Caneliñas, na parroquia de Raxó.

Tamén se ve afectada a dotación de servizos básicos en Lourido e diversos traballos e reparacións que están acometendo os propios operarios municipais. 

"Mesmo na realización de tarefas de mantemento nos estamos a ver afectados", apunta Gregorio Agís. "A falta de materiais obriga ás empresas a parar a súa actividade e iso é algo que non podemos evitar", lamentou.

O concelleiro de Urbanismo sinala que o Concello de Poio está en "contacto permanente" coas empresas adxudicatarias e confía en que esta situación mellore en canto o paro no sector do transporte finalice.

Ten claro que "estas actuacións, que son prioritarias para o goberno municipal, vanse levar a cabo", pero admite que os prazos de execución que se calculaban ao comezo das obras "vanse ver irremediablemente afectados", polo que agradece a comprensión da veciñanza polas molestias ocasionadas.