Baixa o paro en febreiro con 652 desempregados menos en Pontevedra

Pontevedra
03 de marzo 2020

As listas de desemprego na provincia de Pontevedra reducíronse en 652 persoas durante o mes de febreiro, segundo os datos que publicou este martes o Ministerio de Traballo e Economía Social. Este descenso sitúa á provincia pontevedresa cun total de 65.051 desempregados, un 1% menos que en xaneiro

Traballadores nun tellado de Pontevedra Mónica Patxot

As listas de desemprego na provincia de Pontevedra reducíronse en 652 persoas durante o mes de febreiro, segundo os datos que publicou este martes o Ministerio de Traballo e Economía Social.

Este descenso sitúa actualmente á provincia pontevedresa cun total de 65.051 desempregados, un 1% menos que en xaneiro.

O sector servizos foi o que sostivo esta caída do desemprego con 643 parados menos, mentres que a agricultura e a construción tamén crearon emprego con 57 e 51 desempregados menos.

Pola súa banda, o número de parados creceu na industria (38 máis) e, especialmente, no colectivo sen emprego anterior, que suma 60 novas persoas en situación de desemprego.

O paro rexistrado, pola súa banda, baixou en 1.526 persoas en Galicia no mes de febreiro, un 0,91 por cento, o que sitúa a cifra de desempregados na comunidade en 166.629 persoas.

No conxunto nacional, o número de parados reduciuse en 7.806 persoas en febreiro, un 0.2%, o que supón o seu maior descenso neste mes desde o 2017.

Ao remate de febreiro había en España 3.246.047 desempregados, a cifra máis baixa neste mes desde o 2008, segundo reflicten os datos facilitados polo Goberno.

Ademais, a Seguridade Social gañou 85.735 afiliados en febreiro, ata os 19,25 millóns de ocupados, un rexistro que supón o maior incremento para este mes desde o 2015.

Arquivado en