A orixe concreta e as causas do incendio que na noite do luns arrasou o edificio situado no número 12 da rúa Michelena e en número 6 dos Soportais da Ferrería seguen sen poder aclararse e, para tentar avanzar nesta liña, está previsto que se trasladen ata Pontevedra axentes da Comisaría Xeral da Policía Científica da Policía Nacional en Madrid.
Ao longo da xornada deste martes está previsto que estes axentes especializados accedan ao interior do edificio pola praza da Ferrería e a rúa Michelena para ampliar as investigacións sobre as causas e a orixe do lume que xa realizaron nos últimos días tanto os Bombeiros de Pontevedra como os axentes da Policía Científica da Comisaría Provincial.
Estes axentes, especializados na investigación de incendios, tentarán chegar ao lugar exacto no que se iniciou, pois, ata o momento, non se puido concretar onde está o foco do lume. O edificio quedou tan esnaquizado que resulta complicado establecer onde están os límites entre os almacéns das dúas tendas situadas nos baixos do edificio, A Moda Ideal polos Soportais e Cuplé por Michelena.
Unha das hipóteses que máis forza cobrou é que o foco das chamas situouse pola zona máis próxima á rúa Michelena, pero sen poder concretarse se foi no almacén da zapatería ou da tenda de telas ou mesmo en ningún dos dous puntos. O edificio é unha única estrutura que comunica con ambas as rúas e, tras o incendio, quedou totalmente devastado. Os danos son tantos que afectan a nivel estrutural, circunstancia que fai máis complexo determinar con exactitude o ocorrido.
Ademais da investigación que están a realizar os bombeiros e a policía, as compañías aseguradoras afectadas contrataron tamén a intervención de investigadores de empresas privadas.