Campelo mostrou este venres a súa indignación ante a decisión de Abanca de pechar a súa sucursal bancaria o próximo 8 de setembro. Preto de medio milleiro de persoas secundaron a manifestación convocada polo Concello para esixirlle á entidade que rectifique.
A comitiva, tras unha pancarta na que se podía ler "Poio en pé! A oficina de Campelo non se pecha", concentrouse ás portas da oficina de Abanca, na rúa Pedro Soto, tras o cal dirixiuse ata a Praza da Granxa.
Alí, os portavoces dos catro grupos políticos con representación na corporación leron unha declaración institucional na que expuxeron os motivos polos que consideran que esta decisión é "inxusta", ao suprimir un servizo presencial "imprescindible" para os cidadáns.
Tras destacar a "gran perda" que supón o peche da sucursal de Abanca para a zona, os políticos municipais criticaron que a entidade "só vela polos seus beneficios económicos" e censuraron a "complicidade" da Xunta de Galicia desde a malograda fusión das caixas.
Ademais, a corporación manifestou a súa "total desconformidade" coa decisión "unilateral" de Abanca de pechar a oficina de Campelo e lamenta que a dirección do banco non atendese, polo menos ata o momento, as peticións realizadas desde o Concello.
Por mor desta decisión, Poio acordou pechar todas as súas contas bancarias e retirar todos os fondos económicos que ten depositados en Abanca e avanzaron que buscarán alternativas para recuperar o servizo bancario a través doutra entidade.