Avícola de Galicia (Avigal), empresa dedicada á produción de carne de ave en Pontevedra e de coello en Celanova, únese á celebración do Día das Letras Galegas 2024 con varias iniciativas que reivindican a identidade cultural galega e fomentan a súa literatura.
Avigal quere facerlles chegar a riqueza literaria galega a todos os seus consumidores mediante esta campaña. Por este motivo, por cada compra do seu polo Pío, regalará un exemplar da novela infantil/xuvenil 'O país da choiva', escrita por Miguel Ángel Alonso Diz, ilustrada por Xosé Tomás e publicada por Antela Editorial.
O libro fala da importancia da lingua, de empregala e conservala, tendo en conta que se trata dunha parte fundamental do patrimonio cultural dos galegos. Así, de forma delicada e sensible, aborda o problema da perda de falantes da lingua.
Ademais Avigal personalizou o libro escribindo unha dedicatoria na súa primeira páxina. Trátase dunha mensaxe de orgullo pola terra e a cultura galegas, que recorda a importancia de mantermos vivas as raíces e a lingua. Esta acción estará en marcha do 11 ao 17 de maio. A empresa regalará ata 1500 exemplares da novela acompañados dun marcapáxinas.
CONCURSO DE ARTE LITERARIA IMPULSADO POR AVIGAL
Outra das iniciativas que se enmarca na festa da lingua galega é a organización do primeiro concurso de literatura por parte de Avigal.
O certame está aberto a todos os interesados do 6 ao 15 de maio, e terá tres categorías: prosa, poesía e ensaio. Os participantes pódense inscribir a través dun código QR que os dirixirá a unha páxina web dedicada ao concurso. O xurado estará a cargo da editorial Antela. Os gañadores de cada modalidade deste primeiro certame literario de Avigal serán anunciados o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, e recibirán como premio unha noite para dúas persoas no Hotel literario Bela Fisterra da Coruña.
A campaña promovida por Avigal co gallo do Día das Letras Galegas demostra o compromiso da compañía co territorio en que se atopa e coa cultura e a comunidade galegas. Na mesma liña, o proxecto tamén busca incentivar o aprecio á literatura galega e fomentar o hábito da lectura.
Sobre Avigal
Empresa dedicada á cría, sacrificio, despezamento e distribución de polo e outras variedades avícolas do Grupo Agroalimentario Vall Companys. Avícola de Galicia leva 60 anos achegando ás mesas dos nosos consumidores os produtos avícolas da mellor calidade. Durante estes anos a compañía adaptouse ás novas tecnoloxías e foi crecendo e evolucionando de xeito constante, coidando do mercado tradicional e estendéndose a novos formatos de produto. Todo isto con total garantía de benestar animal, respectando o ambiente e honrando a confianza depositada polos seus consumidores.