Avanzan as obras de mellora do parque infantil da área recreativa de Santa Isabel

Cerdedo-Cotobade
26 de abril 2022

O Concello de Cerdedo-Cotobade está realizando unha completa intervención no parque infantil da área recreativa de Santa Isabel, na parroquia de Loureiro, que contempla a revisión dos bambáns e aparatos de xogo, unha limpeza e desinfección en profundidade, rlabores de mantemento e substitución de elementos en mal estado

O alcalde de Cerdedo-Cotobade visita as obras no parque infantil da área recreativa de Santa Isabel, na parroquia de Loureiro Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade está realizando unha completa intervención no parque infantil da área recreativa de Santa Isabel, na parroquia de Loureiro.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, desprazouse nas últimas horas ata o lugar para comprobar persoalmente os traballos realizados.

Este operativo contempla a revisión dos bambáns e aparatos de xogo, unha limpeza e desinfección en profundidade, repaso da parafusería e labores de mantemento e substitución de elementos que se atopen danados ou en mal estado.

No parque infantil da área recreativa de Santa Isabel, o Concello estuda tamén levar a cabo labores de poda de algún dos árbores alí existentes xa que algún veciño, aproveitando os traballos que se estaban a realizar no recinto infantil, solicitou que se eliminasen algunhas pólas que polo seu crecemento entorpecen o espazo de xogo.

O obxectivo desta iniciativa municipal é a conformación progresiva dun completo sistema de parques infantís de xogo que cumpran na súa totalidade os parámetros de calidade e seguridade da Unión Europea nesta materia.

Esta obra enmárcase no plan de actuación municipal ao que a administración local destina un orzamento total de 78.650 euros, procedentes do Plan Concellos da Deputación. Con este financiamento beneficiaranse 19 instalacións deste tipo repartidas por todas as parroquias do municipio, que serán sometidas a unha revisión integral co obxectivo de garantir o mellor nivel de seguridade e condicións de uso.

Segundo sinalou o alcalde Jorge Cubela, "estes parques infantís son moi importantes porque son unha excelente escusa para que os cativos exerciten as súas capacidades psicomotrices, socialicen e mesmo interactúen de xeito interxeracional con outros veciños que se achegan ata estes espazos de convivencia veciñal".

Cubela reivindica estes espazos como "lugar de uso común pola veciñanza" e mesmo apunta a que a mellora significativa destes equipamentos pode incrementar a "capacidade de atracción de poboación cara ao concello de Cerdedo-Cotobade".