Avance no proxecto de destape do río Gafos

Pontevedra
10 de decembro 2024

O proxecto busca executar a obra de forma integral, evitando actuar por tramos para garantir a súa continuidade e eficacia, segundo o concelleiro César Mosquera

Tramo soterrado do río Gafos Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra continúa avanzando no proxecto para destapar e renaturalizar o río Gafos no seu tramo urbano, segundo se informaba este martes na comisión de Mobilidade, Infraestuturas, Obras e Servizos.

O concelleiro responsable de Obras, César Mosquera, anunciou que, tras obter os resultados dos estudos iniciais, o pasado mércores tomáronse decisións clave para pechar o deseño definitivo desta intervención, que busca devolver o leito do río ao seu estado natural e mellorar a integración urbana e ambiental da zona.

Entre as medidas acordadas destaca a substitución das tubaxes de saneamento existentes nas marxes do río.

Actualmente, hai dúas tubaxes, unha interna e outra externa, que realizan a mesma función e están operativas realizando a mesma función.

Segundo explicou Mosquera, a tubaxe exterior será substituída por outro de maior capacidade, que asuma o fluxo de ambas canalizacións.

Esta actuación será financiada co canon da empresa concesionaria da auga, cun custo adicional dun millón de euros á obra.

Outra das decisións relevantes é a retirada da soleira de formigón que cubre o leito do río para permitir a conexión natural do curso fluvial coa terra.

O proxecto busca executar a obra de forma integral, evitando actuar por tramos para garantir a súa continuidade e eficacia.

En todo caso, César Mosquera recoñeceu que algunhas actuacións específicas, como a renovación das pontes situadas nas rúas Alcalde Hevia e Xeneral Rubín, quedarán para unha fase posterior debido ás limitacións orzamentarias e á organización dos traballos.

O proxecto tamén incluirá a creación dunha pasarela e unha zona de estancia no colexio de Campolongo, un espazo deseñado para facilitar a recollida e entrega dos escolares que asisten a este centro educativo.

Esta proposta foi trasladada ao equipo redactor do proxecto como parte das melloras na accesibilidade.

Mosquera destacou que o proxecto está "en marcha" e que o obxectivo é adxudicar as obras antes do 30 de xuño de 2025, tal e como establecen os requisitos dos fondos europeos.

A previsión inicial é que os traballos estean rematados a finais do mesmo ano, aínda que non se descarta unha posible prórroga.