Autorizada a restauración das Ruínas de San Domingos tras recibir o visto bo de Patrimonio

Pontevedra
10 de febreiro 2015

O visto e prace municipal chega despois de que Patrimonio da Xunta autorizase esta intervención tras realizar unha serie de traballos previos en materia arqueolóxica. A Deputación investirá, segundo se recolle no proxecto, 128.545 euros. Teñen un prazo de execución dun ano e deberán iniciarse antes de seis meses

Ruinas de San Domingos Juan Mejuto

O Concello de Pontevedra concedeu a preceptiva licenza para que a Deputación poida executar o proxecto de restauración das Ruínas de Santo Domingo, pechadas dende agosto de 2013 tras sufrir unha serie de desprendementos. O visto e prace municipal chega despois de que Patrimonio da Xunta autorizase esta intervención tras realizar unha serie de traballos previos en materia arqueolóxica.

A autorización de Patrimonio está asinada o pasado 22 de xaneiro. Aseguran que non poñen inconveniente á concesión da licenza, un trámite do que xa informara de forma favorable o arquitecto municipal e sobre o que o arqueólogo propuxo realizar un estudo da perspectiva do trazado das novas canalizacións de augas pluviais, por se tivesen algunha afección sobre o conxunto. Solucionados eses trámites, a obra pode comezar.

A Deputación investirá, segundo se recolle no proxecto, 128.545 euros. Teñen un prazo de execución dun ano e deberán iniciarse antes de seis meses.

No seu momento, a deputada Ana Isabel Vázquez explicou que, tras comprobar que a estrutura non corría perigo e que só eran necesarias pequenas actuacións para consolidar o monumento, apostouse por realizar uns traballos consistirán en asegurar todo o conxunto mediante o selado de gretas, o saneado das xuntas ou a limpeza dos muros de mofos e líquenes.

Ademais resolverase o problema de humidades, actuarase sobre os espazos nos que se producisen perdas de materiais e fixaranse as pilastras e as ventás, dificultando o pousado e aniñado de aves nas ruínas.