O aumento do custo do SAF eleva o orzamento de Vilaboa por riba dos 4,4 millóns

Vilaboa
26 de febreiro 2025

O orzamento para 2025 manterá tamén o transporte a demanda para as vítimas de violencia de xénero e increméntanse as partidas dispostas para igualdade, actividades culturais ou promoción económica

Cesar Poza, alcalde de Vilaboa
Cesar Poza, alcalde de Vilaboa Concello de Vilaboa

Ata os 4.406.299 euros, un 4,26% máis que o do ano pasado, chegará o orzamento municipal de Vilaboa para o 2025. As contas, que se debaterán este venres en pleno, estarán centradas na protección social e na dinamización económica do municipio.

Así o destacou o alcalde, César Poza, que avanzou que o Concello destinará este ano 77.500 euros más ao servizo de atención no fogar, para atender ás persoas dependentes nas súas casas, chegando a partida aos 454.500 euros de gasto total.

O goberno local recorda que será un "importante esforzo económico" que o Concello ten que facer porque a Xunta de Galicia "nin asume as súas competencias, nin o custo das mesmas", financiando este servizo "moi por debaixo" do seu gasto real.

A isto hai que sumar, subliñou Poza, outros servizos asumidos polo Concello e que son tamén competencia da Xunta de Galicia, como o mantemento do centro de saúde ou do colexio do Toural, que ten ensino secundario.

O orzamento para 2025 manterá tamén o transporte a demanda para as vítimas de violencia de xénero e increméntanse as partidas dispostas para o plan de igualdade, para as actividades culturais ou para os programas de promoción económica.

A este respecto, Vilaboa reserva 95.000 euros para as festas do Mar e do Viño, para a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional do Entroido de Cobres ou para a programación cultural anual, co obxectivo de favorecer a promoción como destino turístico.

As axudas de emerxencia social, pola súa banda, manteñen unha partida de 6.000 euros e se volven a convocar as subvencións ao deporte por importe de 25.000 euros. O orzamento inclúe tamén axudas para as asociacións veciñais por uns 5.000 euros.

O pago a Sogama polo lixo xerado absorbe unha partida de 160.000 euros, a pesar da aposta municipal pola compostaxe para reducir a factura da xestión dos residuos. Sen embargo, a previsión da suba do canon aos concellos por parte de Sogama obriga a prever este gasto.