Aumentan os casos activos e o número de pacientes hospitalizados na área sanitaria

Pontevedra
12 de maio 2021
Actualizado: 14:09

Rexistráronse 29 novos casos activos nas últimas 24 horas situando en 484 o número de persoas infectadas na área sanitaria. Atópanse 37 pacientes hospitalizados, un máis que o martes, con 9 enfermos graves na UCI debido ao coronavirus. Galicia suma este mércores 223 novos contaxios por covid-19, 34 máis que hai unha semana

Persoas vacinándose este mércores no Hospital Montecelo con Moderna Consellería de Sanidade

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés mantén 28 ingresos por covid en planta de hospitalización repartidos 17 casos no Hospital Montecelo mentres que 11 atópanse no Hospital do Salnés, aumenta nun caso a cifra respecto ao martes. A estes números hai que sumar os nove pacientes con coronavirus que continúan graves na Unidade de Coidados Críticos do  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Nesta xornada rexístranse 484 casos activos na área sanitaria, segundo os datos da Consellería de  Sanidade, tres infeccións máis que na xornada do martes. Destes casos, 447 atópanse no seu domicilio e 37 están ingresados.

Durante as últimas 24 horas realizáronse 561 probas PCR nas que se detectaron 24 novos positivos. A eles hai que sumar outros cinco detectados por outros métodos acadando a cifra de 29 novos infectados. Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 13.287 pacientes, 26 máis que na xornada anterior. Faleceron por culpa da pandemia 173 persoas na área sanitaria, sen que se rexistraron decesos neste mes de maio.

No municipio de Pontevedra, este mércores constan 92 casos activos, oito máis que hai 24 horas, segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade ao Concello de Pontevedra.

DATOS EN GALICIA

Galicia suma este mércores 223 novos contaxios debido á covid, trátase de 34 máis que hai sete días. En Vigo detectáronse 96; en Santiago, 30; en Pontevedra, 29; na Coruña, 27; 19 novos casos en Ferrol; 13 en Ourense e 9 en Lugo.

Prodúcese un incremento de casos activos en todas as áreas sanitarias agás en Ourense e Lugo. Desta forma Vigo presenta 888 casos (+63); A Coruña-Cee, 702 (+12); Pontevedra-O Salnés: 484 (+3); Santiago-O Barbanza, 430 (+8) e Ferrol, 101 (+14); mentres que Ourense presenta 231 (-15) e Lugo, 216 (-10).

Durante as últimas horas rexistrábase unha nove morte por covid en Galicia. Producíase o falecemento dunha muller de 88 anos, no Complexo Hospitalario de Ourense. Esta paciente contaba con patoloxías previas e estaba vacinada coa primeira dose da vacina Moderna. Con este caso, o número de perdas de vidas en Galicia pola pandemia ascende a 2.395.

Atópanse hospitalizadas 151 persoas mentres que nas UCI hai 40 pacientes. Galicia presenta 3052 casos activos este mércores.

A incidencia acumulada durante os últimos 14 días é de 93,36 (+1,0) mentres que a 7 días é de 48,03 (+1,3) por cada 100.000 habitantes. Na última semana rexistráronse 1.296 novos casos.