Setembro volveu a ser, como pasa tradicionalmente, un mal mes para as cifras do paro. Tras o final da tempada estival, a tendencia invístese e increméntanse os demandantes de emprego. E tamén na cidade de Pontevedra. Un total de 158 persoas (un 2,25% máis que o mes anterior) incorporáronse aos rexistros do Servizo Público de Emprego, segundo os datos que desvelou este venres a Consellería de Traballo.
En concreto, Pontevedra pechou o mes de setembro con 7.179 persoas desempregadas. Son, en todo caso, 811 pontevedreses menos que fai un ano. En setembro de 2014, buscaban traballo de forma activa un total de 7.990 desempregados.
No resto de concellos da comarca e da área de influencia de Pontevedra, os datos do paro arroxan un resultado similar, con subidas máis pronunciadas nas localidades máis vinculadas co turismo como O Grove, Poio ou Sanxenxo. Pola contra, Cuntis e, en maior medida Vilagarcía de Arousa, rompen a tónica e mostran un pronunciado descenso no número de desempregados.
Setembro 2015 | Agosto 2015 | Variación | |
Pontevedra | 7.179 | 7.021 | 158 (2,25%) |
Barro | 374 | 340 | 34 (10,00%) |
Bueu | 919 | 848 | 71 (8,32%) |
Caldas de Reis | 925 | 915 | 10 (1,09%) |
Cambados | 1.204 | 1.203 | 1 (0,08%) |
Campo Lameiro | 185 | 177 | 8 (4,52%) |
Cotobade | 368 | 366 | 2 (0,55%) |
Cuntis | 414 | 447 | -33 (-7,38%) |
O Grove | 803 | 615 | 188 (30,57%) |
A Illa de Arousa | 324 | 297 | 27 (9,09%) |
A Lama | 208 | 207 | 1 (0,48%) |
Marín | 2.101 | 2.057 | 44 (2,14%) |
Meaño | 448 | 371 | 77 (20,75%) |
Meis | 429 | 416 | 13 (3,13%) |
Moraña | 448 | 440 | 8 (1,82%) |
Poio | 1.365 | 1.215 | 150 (12,35%) |
Ponte Caldelas | 611 | 592 | 19 (3,21%) |
Portas | 301 | 291 | 10 (3,44%) |
Ribadumia | 396 | 381 | 15 (3,94%) |
Sanxenxo | 1.183 | 930 | 253 (27,20%) |
Vilaboa | 523 | 511 | 12 (2,29%) |
Vilagarcía de Arousa | 3.880 | 4.090 | -210 (-5,13%) |
Vilanova de Arousa | 925 | 909 | 16 (1,76%) |
DATOS PROVINCIAIS
Pola súa banda, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego aumentou na provincia de Pontevedra en 1.391 persoas en relación co mes anterior, un 1,64% ata alcanzar os 86.366 desempregados.
Con respecto ao mesmo período de 2014, a provincia de Pontevedra conta con 9.471 persoas menos no desemprego, o que significa unha baixada do 9,88%.
O paro tamén subiu en Galicia en 2.005 persoas en setembro, ata sumar 215.737 persoas en situación de desemprego.
A comunidade galega conta con 22.466 persoas menos no desemprego respecto ao mesmo mes de setembro do ano pasado, o que significa unha baixada do 9,43%.