A sexta onda da covid-19 aumenta a presión sobre os hospitais pontevedreses, que este martes suman un total de 68 pacientes coa enfermidade, seis máis nunha soa xornada, 14 máis desde o domingo.
Segundo o último balance oficial, con datos da seis da tarde do luns, hai nos hospitais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés 7 pacientes con covid-19 na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, os mesmos que o luns, e 61 pacientes ingresados en planta de hospitalización, seis máis que o día anterior.
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra segue sendo o hospital con máis presión, con sete pacientes en UCI e 45 en planta. Ademais, hai en planta 7 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 9 no Hospital do Salnés.
A última xornada tamén deixou un incremento do casos activos que confirma que a pandemia segue sen control. Confirmáronse 648 novos positivos que, a pesar das 387 altas epidemiolóxicas rexistradas, elevan o número de casos activos por encima dos 8.000.
En concreto, hai 8.190 casos activos, 261 máis que o día anterior, dos que 8.122 casos están no seu domicilio sen síntomas ou con síntomas leves.
Desde o inicio da pandemia curáronse 26.682 pacientes e faleceron 235 na área sanitaria.
Na última xornada chama a atención o reducido número de probas PCR’ s, realizadas, tan só 265 nas últimas 24 horas, que elevan a 373.740 as xa efectuadas desde o inicio da pandemia. Ademais, realizáronse 1.492 test de antíxenos, que elevan a 194.254 o total dos xa realizados.