Segue a incrementarse paseniñamente o número de pacientes hospitalizados na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Nesta xornada de luns, a Consellería de Sanidade sinala que hai 35 persoas infectadas contaxiadas ingresadas, 16 en planta de hospitalización do Hospital Montecelo, 10 no Hospital do Salnés e nove pacientes, un máis que na xornada do domingo, na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).
Descende o número de casos activos situándose en 482 na área, seis menos que hai 24 horas, con 447 positivos que se recuperan nos seus domicilios.
Durante a última xornada realizáronse 1.407 probas PCR na que se confirmaron 15 novos casos aos que se engaden outros tres por outro tipo de probas. Ao longo deste luns e mañá martes 11 van realizarse cribados masivos en Cambados para detectar positivos asintomáticos.
Desde o inicio do plan de continxencia do covid-19 curáronse 13.237 pacientes, 24 máis nas últimas horas. E mantense a cifra de falecementos na área sanitaria en 173 persoas desde que se teñen datos da evolución da pandemia.
DATOS EN GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública sinala que o número de casos activos de coronavirus en Galicia este luns é de 2.984, tres menos que o domingo. Atópanse repartidos da seguinte forma: 825 na área de Vigo; 482 en Pontevedra; 709 na Coruña; 222 en Lugo; 253 en Ourense; 406 en Santiago e 87 en Ferrol.
Destes pacientes positivos, 46 atópanse en Unidades de Coidados Intensivos, 163 en plantas de hospitalización e 2.775 recupéranse nos seus domicilios.
A comunidade suma este luns 152 novos contaxios, 49 máis que fai sete días. A Coruña suma 54; Vigo, 28; a mesma cifra que Santiago; Pontevedra,18; Lugo e Ferrol, 9 cada unha e Ourense, 6 novos positivos.
Ata o momento, en Galicia o número de persoas curadas da enfermidade ascende a 118.528 persoas, rexistrándose 2.394 falecementos, sen que se producise ningún deceso durante as últimas horas. O número de dose da vacina administrada contra a covid-19 é de 1.429.586.
A incidencia acumulada nos últimos 7 días é de 46,92 (+1,8) por cada 100.000 habitantes e a incidencia acumulada nos últimos 14 días sitúase en 92,58 (-0,3).