A área sanitaria de Pontevedra - O Salnés rexistra este luns un total de 6.489 pacientes con infección activa de covid-19, 246 máis que na xornada do domingo 2. Continúan desta forma incrementándose os contaxios derivados da variante ómicron.
O número de persoas ingresadas en hospitais da área tamén aumenta orixinando unha maior presión hospitalaria. Este día 3 de xaneiro hai 41 hospitalizados en planta, catro máis que na xornada do domingo; dos que 5 se atopan no Hospital do Salnés, 6 no Hospital Quirón Salud e o resto en Montecelo; e 10 pacientes que se atopan na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario, un máis que onte.
O número de positivos detectados por PCR nas últimas horas é de 420 persoas en 1.123 probas.
Non se rexistraron falecementos na área sanitaria durante os últimos días, polo que o número de decesos continúa en 229 persoas desde o inicio da pandemia. A cifra de pacientes curados ascende a 24.329.
CONTINÚA O INCREMENTO TAMÉN EN TODAS AS ÁREAS DE GALICIA
Os datos da Consellería de Sanidade deste luns 3 ofrecen un incremento de 1.715 pacientes covid ofrecendo un resultado de 49.988 casos activos en Galicia.
Por áreas sanitarias a repartición de casos activos é o seguinte: Vigo: 11.849 (+18); Santiago-O Barbanza: 9.297 (+157); A Coruña-Cee: 9.065 (+419); Pontevedra-O Salnés: 6.489 (+246); Ourense: 5.421 (+302); Lugo: 4.677 (+347); e Ferrol: 3.190 (+226).
Nestas cifras detéctase un importante incremento de pacientes ingresados. 384, 24 máis que o domingo, atópanse en planta de hospitalización e 53 enfermos graves son atendidos en Unidades de Coidados Críticos, un máis que o día 2.
Detectáronse 2.899 positivos novos coa enfermidade nas últimas 24 horas. Trátase de 633 contaxios diarios menos que os detectados o domingo e 550 máis que hai unha semana.
Nas últimas horas comunicábanse 4 falecidos máis diagnosticados por coronavirus rexistrados nos últimos días. Todos eles faleceron na provincia de Pontevedra, no Hospital Álvaro Cunqueiro, un dos pacientes só contaba con 54 anos. Todas as vítimas ofrecían un historial clínico con outras enfermidades previas.
O número de persoas curadas en Galicia desde o inicio da pandemia ascende a 204.005 enfermos, 1.180 deles, nas últimas horas.