Aumenta a presión hospitalaria na área sanitaria, con 10 pacientes máis ingresados nun día e 206 novos positivos

Pontevedra
23 de xullo 2021

Este venres hai 35 pacientes con covid-19 nos hospitais da área sanitaria. Non hai cambios na unidade de Coidados Críticos de Montecelo, con cinco pacientes, pero nas últimas 24 horas creceu a ocupación en planta, pasando de 20 a 30. Os casos activos xa alcanzan os 2.615, 130 máis

Unha ambulancia diante do Hospital Montecelo Cristina Saiz

A incidencia da covid-19 continúa disparada na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e na última xornada confirmáronse 206 novos positivos e 10 pacientes acabaron ingresados no hospital. 

A presión hospitalaria, por tanto, increméntase de forma importante. Este venres hai un total de 35 pacientes con covid-19 ingresados nos hospitais da área sanitaria. Non hai cambios na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, que se mantén con cinco pacientes, pero nas últimas 24 horas si creceu a ocupación en planta.  

En total, hai 30 pacientes ingresados en planta de hospitalización, 10 máis que o xoves. Deles, 25 están no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 1 no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 4 no Hospital  do Salnés. 

Ademais, hai  2.580 pacientes sen síntomas ou con síntomas leves que gardan corentena nos seus domicilios, de modo que o total de casos activos na área sanitaria sitúase en 2.615, 130 máis que o día anterior, e moi preto do seu pico máximo, 2.640, que se rexistrou o 3 de febreiro.

En total, confirmáronse 206 positivos novos nesta última xornada a pesar de realizarse tan só 628 probas  PCR’ s nas últimas 24 horas. Ata o de agora, realizáronse un total de 268.721 desde o inicio da pandemia na área sanitaria.

Desde o inicio do plan de continxencia tamén se curaron 14.905 pacientes , 76 na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 181 pacientes.

EVOLUCIÓN EN GALICIA

Segundo o último balance oficial do  Servizo Galego de  Saúde, en toda Galicia hai este venres 15.109 os casos activos, 1.146 máis que o xoves, tras confirmarse 1.593  contaxios novos, un récord de novos positivos diarios, e darse 446 altas.

Tamén en Galicia segue crecendo a presión hospitalaria. Este venres hai 37 pacientes máis que o día anterior. En total, son 212 nos hospitais galegos, dos que 189 están en planta e  23 na unidade de críticos.

Por áreas sanitarias, a situación empeora en todas elas. Na Coruña hai 2.591 casos activos, 220 máis que o xoves, tras confirmarse 282 novos positivos. En Vigo hai este venres un récord de novos positivos, 452, que elevan o total de casos activos a 3.544, 379 máis que o día anterior.

 En Ourense hai 2.341 casos activos, 56 máis, tras detectar 156 positivos; en Santiago son 1.883, 162 máis nun día despois de confirmar 232 novos casos; en Lugo hai 1.498, 134 máis, tras confirmar 186; e en Ferrol son 637, 65 máis despois dunha xornada na que se detectaron 78 casos novos. 

Desde o inicio da pandemia faleceron  2.444 persoas, 1 nas últimas 24 horas,  e realizáronse 2.497.099 probas  PCR' s, 8.180 nas últimas 24 horas, cun 19,47% de positivos.