Este venres 19 de febreiro rexístrase un lixeiro incremento da presión asistencial nos Hospitais da área sanitaria ao sumarse dous novos ingresos por coronavirus. Segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade hai 94 pacientes hospitalizados, dous máis que hai 24 horas.
Atópanse 78 pacientes en planta, un máis que este xoves, repartidos en 69 en Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 5 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 4 no Hospital do Salnés. A esta cifra hai que sumar 16 pacientes covid, un máis nas últimas horas, ingresados no servizo de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.
Os datos da Consellería reflicten 1.398 casos activos na área sanitaria, con 59 novos casos positivos detectados nas últimas horas. Desta cifra 1.304 enfermos atópanse superando a enfermidade nos seus domicilios.
Nas 436 probas PCR realizadas durante o último día atopáronse 54 novos casos, unha porcentaxe do 12,38%. A incidencia acumulada en 7 días é de 133,21 (-8,2) mentres que a incidencia acumulada en 14 días na área sanitaria é de 340,41 (35,6).
DATOS EN GALICIA
Galicia suma este venres 353 novos contaxiospola covid-19, 297 menos que hai sete días.
O número de casos activos é de 10.040 persoas, das que 644 se atopan hospitalizadas e 169 mantéñense na Unidade de Coidados Críticos de hospitais da comunidade. Nas últimas horas, a Consellería de Sanidade notifica sete falecementos por culpa da pandemia.
En total, desde o inicio da pandemia o número de persoas falecidas en Galicia é de 2.154 persoas, segundo os datos que manexa o Servizo Galego de Saúde.