Aumenta a 12 o número de pacientes covid na UCI do Hospital Montecelo

Pontevedra
08 de xaneiro 2021

Baixa o número de casos activos nas últimas 24 horas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés pasando de 735 a 717, 18 enfermos menos que este xoves 7. Nas 478 probas PCR realizadas nas últimas horas detectáronse 51 novos casos positivos, segundo os datos da Consellería de Sanidade. Unha muller de 85 anos, última vítima mortal en Montecelo

Profesional sanitaria Navy Medicine (Arquivo)

Nas últimas horas, descendeu o número de persoas hospitalizadas por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Das 56 que se notificaban este xoves pasouse a 51, das que 39 se atopan ingresadas en planta de hospitalización: 30 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 9 no Hospital do Salnés, ás que hai que sumar 12 pacientes covid na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, dous máis que na xornada do xoves.

Segundo os últimos rexistros comunicados pola Consellería de  Sanidade tamén se rexistra unha baixada no número de casos activos na área sanitaria. Pásase de 735 casos activos a 717, 18 menos nas últimas 24 horas. Desta cifra, 666 casos atópanse evolucionando na súa vivenda. 

Nas 478 probas PCR realizadas durante as últimas horas detectáronse 51 novos casos confirmados nestas comarcas das Rías Baixas. O número de falecementos ascende a 84 persoas por covid-19 desde o inicio da pandemia. A última morte notificada corresponde cunha muller de 85 anos, que presentaba enfermidades previas no seu historial e que perdía a vida no Hospital Montecelo.

En Galicia pasouse dos 6.700 casos activos a 6.889 con infección, dos que 350 están hospitalizados en planta e 63 atópanse na UCI, incrementando a presión hospitalaria nas últimas horas. 

Durante as últimas horas, na comunidade autónoma foron detectados 535 novos casos confirmados por PCR. O número de falecementos ascende en Galicia a 1.436 persoas por covid-19 desde que se realizan rexistros por esta enfermidade.