O grupo parlamentario de En Marea levou este xoves ao Pazo do Hórreo a necesidade de medidas inmediatas para acometer o saneamento da ría de Pontevedra e evitar a mortandade de marisco derivada dos "elevadísimos niveis de contaminación" das augas.
Fronte a estas acusacións, a Xunta defendeuse e defendeu á empresa Ence, cara á que se derivan a maior parte das críticas pola situación das augas da ría. O director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, asegurou en resposta que a pasteira "non contamina".
A encargada de presentar o tema foi a vicevoceira de En Marea, Carmen Santos, que preguntou á Consellería do Mar na comisión de Pesca do Parlamento. En resposta, segundo recolle En Marea a través dun comunicado, o director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, negou que a Ría se atope nunha situación crítica e centrou a solución ao problema en investimentos futuros derivados dos fondos FEDER.
Ademais, Roberto Rodríguez, indicou que as medicións "continuas e periódicas" realizadas por Augas de Galicia conclúen que "Ence cumpre os parámetros de verteduras" e "non xera un impacto contaminante na ría". Segundo indicou, "o impacto microbiolóxico" non é de orixe industrial.
Carmen Santos sostivo que os altos niveis de contaminación presentes na ría, unidos á "incapacidade ou deixadez" das administracións públicas para realizar un plan de saneamento efectivo da mesma, está levando á ruína aos mariscadores da zona.
A deputada de En Marea considera que a contaminación da ría vese reflexada na capacidade produtiva dos campos marisqueiros xa que, por exemplo, entre os 2009 e 2016 as capturas de ameixa babosa reducíronse un 88,47%, as de ameixa fina un 60,52% e as de berberecho un 97,1%.
"Estes resultados demostran que estamos ante un problema real, non ante interpretacións", sinalou Santos, para engadir que "deixar morrer a todo un sector do que dependen centos de postos de traballo directos e outros tantos indirectos representa unha irresponsabilidade por parte de todas as Administracións públicas".