Augas de Galicia asumirá as obras do colector xeral de Marín e da estación de bombeo de Lameira

Marín
17 de febreiro 2016

A conselleira Beatriz Mato valorou estas dúas actuacións como "fundamentais" para de Marín "e, en xeral, para a Ría de Pontevedra" xa que permitirán controlar os caudais en tempo chuvioso, mellorarán a xestión das augas pluviais e "evitarán que se produzan vertidos á ría"

Visita da conselleira de Medio Ambiente a Marín Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, anunciou este mércores durante a súa visita ao concello de Marín a licitación das obras do colector xeral deste municipio e da estación de bombeo de Lameira.

Mato explicou que será Augas de Galicia quen asuma "integramente" o orzamento destas actuacións que supera os catro millóns de euro.

A conselleira valorou estas dúas actuacións como "fundamentais" para Marín "e, en xeral, para a Ría de Pontevedra" xa que permitirán controlar os caudais en tempo chuvioso, mellorarán a xestión das augas pluviais e "evitarán que se produzan vertidos á ría".

Beatriz Mato trasladou este compromiso á alcaldesa de Marín, María Ramallo, durante un encontro de traballo no que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. O encontro tamén serviu para facer un repaso ás obras realizadas pola consellería e "analizar as liñas de colaboración e actuacións futuras".

Neste sentido, a titular de Medio Ambiente no goberno galego lembrou que entre 2012 e 2015 executáronse seis actuacións para mellorar a rede de sumidoiros nos núcleos rurais do concello de Marín, o que supuxo un investimento de 2,36 millóns de euros, dos cales a Xunta achegou un 80%.

PLAN DE SANEAMENTO DA RÍA DE PONTEVEDRA

Segundo explicou a conselleira nunha comparecencia de prensa, estas novas actuacións integraranse no Plan de saneamento local da Ría de Pontevedra, cuxa redacción está "a piques de adxudicarse".

Respecto das obras do colector xeral e a nova impulsión van contar cun orzamento de 2,85 millóns de euros.

Os traballos consistirán na substitución do actual colector xeral de Marín cunha lonxitude de case un quilómetro no tramo que discorre de forma paralela á Avenida de Ourense.

Será necesario executar un novo bombeo que substituirá ao actual da lonxa e que incorpora un depósito de retención de 2.000 metros cúbicos de capacidade total útil. Ademais, levará a cabo unha nova impulsión desde o bombeo ata o colector xeral xa existente, que conduce as augas residuais á Estación Depuradora de Augas Residuais dos Praceres.

En relación coas obras de mellora da estación de bombeo do río Lameira, cun orzamento de 1,26 millóns de euros, implicará construír un novo bombeo que contará cun depósito de retención anexo de 800 metros cúbicos e estará equipado con tres bombas mergulaldas para augas residuais e que substituirán ao actual bombeo.

Arquivado en