Hai máis de douscentos cincuenta anos o Pai Sarmiento descubriu unha nova herba nas proximidades do río Tomeza. Foi descrita e debuxada por el o 31 de marzo de 1755. Pero, desde entón, non se volvera a atopar no ecosistema do Gafos. Ata agora.
Unha saída organizada polo colectivo ecoloxista Vaipolorío atopou a ansiada Myosotis discolor Pers -o nome científico que recibiu en 1797-, a herba que atopou Sarmiento na ruta de Cabanas a San Cibrán e que el denominou como "anónima".
Vaipolorío levaba desde 2018 buscando esta herba, revisando todos os lugares que visitou este relixioso. Nesta ocasión, co apoio do programa municipal Noites Abertas, foi a definitiva.
Un dos voluntarios da asociación, Adrián Macho Dapena, deu a voz de alarma sobre unha planta que reunía algunhas das características e a lupa así o confirmou.
Nunha zona onde o río chámase Tomeza, localizáronse varias ducias da planta das que, ademais de facerlles fotos macros dadas as diminutas flores, recolléronse tres delas para levar ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.
Alí, o experto Francisco Javier Silva Pando, conservador do herbario do centro, confirmou o achado tras un minucioso exame microscópico.
Esta herba, coñecida popularmente como Orella de rato, figurará no herbario de Lourizán co número de rexistro LOU 075640. Figurarán os nomes de Adrián Macho, Xosé Feijoó e Amancio Castro como responsables da súa localización.