Ás 5.50 horas da madrugada deste venres, un particular alertou por teléfono á central da Xefatura da Policía Local do roubo dunha galiña.
Non se trataba dun animal calquera, senón dunha das esculturas de bronce que compoñen o conxunto situado fronte ao Mercado, obra da artista Cuqui Piñeiro.
O alertante que telefonou á Policía aseguraba que un grupo de mozos rompera a figura da pita e a levara do lugar.
Segundo informou o Concello de Pontevedra, unha patrulla de axentes desprazouse até a Praza de Abastos comprobando que, efectivamente, faltaba unha galiña que máis tarde sería localizada non moi lonxe de alí.
Concretamente, a pequena escultura estaba detrás dunha papeleira fronte á outra fachada do Mercado, na avenida de Bos Aires.
A Policía Local non puido identificar os autores destes feitos.
A investigación permanece aberta.