Despois de varias xornadas coas cifras disparadas debido en gran medida ao brote derivado dunha viaxe de fin de curso a Mallorca, e que este luns contaba con 80 casos confirmados só na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, o balance diario do Servizo Galego de Saúde ofrece un pequeno respiro.
Aínda que a cifra de casos activos sobe unha xornada máis ata colocarse en 238 (12 máis que o luns) ao decretarse só un alta epidemiolóxica, o certo é que o nivel de novos contaxios por covid atenuouse pasando dos 39 do pasado venres ou os 35 positivos informado o domingo aos 13 que reflicte a actualización de datos deste martes 29 de xuño.
Tamén se relaxa levemente a presión hospitalaria volvendo ás 8 persoas ingresadas con coronavirus (2 menos) e dous pacientes evolucionando na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo (1 menos). Os outros seis permanecen en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (3) e o Hospital do Salnés (3).
Desde o inicio da pandemia superaron a infección 14.191 persoas na área sanitaria, rexistrándose 181 falecementos de persoas con positivo activo.
En canto á realización de probas de detección nas últimas 24 horas realizáronse 403 test PCR en Pontevedra e O Salnés.