Atentan contra dous dos petróglifos senlleiros de Campo Lameiro

Umia
23 de marzo 2021

Varios descoñecidos raiaron cunha pedra parte destas emblemáticas representacións arqueolóxicas, segundo denunciou o Concello ante a Garda Civil e o departamento de Patrimonio da Xunta. Os petróglifos apareceron riscados e remarcados por unhas pedras de xeito abrasivo e con graves danos

Petróglifo danado en Campo Lameiro Concello de Campo Lameiro

Dous dos petróglifos da estación rupestre coñecida como Laxe da Rotea de Mendo, situada en Campo Lameiro, sufriron unha acción vandálica que xa investigan as autoridades.

Varios descoñecidos raiaron cunha pedra parte destas emblemáticas representacións arqueolóxicas, segundo denunciou o Concello de Campo Lameiro ante a Garda Civil e o departamento de Patrimonio da Xunta.

Os petróglifos apareceron riscados e remarcados por unhas pedras de xeito abrasivo e con graves danos para estas representacións emblemáticas da arte rupestre en Campo Lameiro.

Esta acción provocou a indignación do alcalde, Carlos Costa, que foi quen denunciou os feitos, e dos veciños e veciñas que tiveron coñecemento deste atentado contra o patrimonio.

Desde o equipo de goberno solicitan a colaboración cidadá para localizar aos autores deste acto vandálico que condenan sen paliativos e agardan que en breve os responsables sexan postos a disposición das autoridades para que sexan sancionados convenientemente.

Esta estación rupestre, ao igual que outras tres máis (Chan da Lagoa, Campo de Matabois e Pedra da Serpe) foron obxecto dunha intervención de conservación e posta en valor por parte do Concello de Campo Lameiro onde se destinou un investimento duns 25.000 euros.

Esta intervención, financiada con cartos da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, permitira reintegrar os elementos deteriorados, mellorar o entorno e dotar de sinalización adecuada os mesmos, co que se contribuía a aumentar a súa seguridade e difusión.

AmpArticleViewer.default.tags