Atenden unha persoa intoxicada nun incendio por unha pota esquecida ao lume

Pontevedra
02 de xaneiro 2025
Actualizado: 11:06

O incendio provocou unha importante acumulación de fume no interior dunha vivenda da Rúa Manuel del Palacio. Os feitos ocorreron ao redor das 21:30 horas do mércores 1 de xaneiro

Camión de bombeiros do parque de Pontevedra PontevedraViva

 Unha persoa tivo que ser trasladada ao hospital como resultado dun incendio rexistrado na noite do mércores 1 de xaneiro en Pontevedra

Segundo a información facilitada polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, unha pota esquecida ao lume foi a orixe do incendio, que provocou unha importante acumulación de fume.

O incendio rexistrouse nunha vivenda da rúa Manuel del Palacio sobre as 21:30 horas.

Un veciño alertou ao 112 Galicia ao observar unha gran cantidade de fume que saía do domicilio e explicou que intentara contactar co propietario da vivenda, pero este non respondía.

O 112 Galicia mobilizou aos Bombeiros de Pontevedra, ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Nacional, á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil.

Segundo a informción do 112 Galicia, a persoa afectada foi trasladada ao hospital de referencia para recibir atención médica debido á inhalación de fume.