Até 500 plantas de marihuana incautadas nun 'cultivo baixo teito' descuberto en Vilanova

O Salnés
14 de marzo 2025

A vivenda, que se estaba utilizando como laboratorio clandestino para o cultivo de marihuana, formaba parte dunha rede que se dedica ao aluguer de vivendas para a instalación de plantacións

Plantación de marihuana desmantelada en Vilanova de Arousa
Plantación de marihuana desmantelada en Vilanova de Arousa Policía Nacional

Tres persoas foron detidas nunha operación policial que permitiu desmantelar unha plantación 'indoor' de marihuana descuberta en Vilanova de Arousa, onde se interviñeron até 500 plantas.

Ademais das plantas, os axentes da Policía Nacional da comisaría de Vilagarcía acharon 25 quilos máis de marihuana xa colleitada, prensada, envasada ao baleiro e preparada para a súa distribución.

A investigación iniciouse a principios deste ano cando os axentes tiveron coñecemento de que dentro dun chalé de Vilanova había unha plantación de marihuana.

A vivenda, que se estaba utilizando como laboratorio clandestino para o cultivo de marihuana, segundo os investigadores, formaba parte dunha rede que se dedica ao aluguer de vivendas para a instalación de plantacións destas características.

Contaba cunha instalación eléctrica completa de luces led e xeradores de corrente co cableado e puenteo á rede xeral.

Plantación de marihuana desmantelada en Vilanova de Arousa
Plantación de marihuana desmantelada en Vilanova de ArousaPolicía Nacional

Había ademais ventiladores, xeradores eléctricos, deshumificadores, potentes extractores e demais útiles necesarios para o mantemento da colleita.

No rexistro do chalé, que foi autorizado polo xulgado de instrución número 1 de Vilagarcía, xunto coas plantas e a droga xa tratada, as autoridades requisaron material eléctrico, produtos químicos, material de cultivo, regadíos e equipos de transmisión e comunicación.

Ademais, localizouse e destruíuse o enganche ilegal á rede eléctrica pública que se estaba utilizando para fornecer corrente ao cultivo de droga.

O tres detidos, segundo informa a Policía Nacional, xa pasaron a disposición xudicial.

Plantación de marihuana desmantelada en Vilanova de ArousaPolicía Nacional