Arredor de 30 aspirantes optan a sete postos de traballo temporal no Concello de Caldas

Umia
13 de marzo 2025

Nos vindeiros días darán comezo as probas do proceso selectivo, do que sairán os aspirantes ás sete prazas convocadas, cun investimento total que supera os 150.000 euros

Tarefas de limpeza e desinfección en zonas rurais de Caldas
Tarefas de limpeza e desinfección en zonas rurais de Caldas Concello de Caldas

O Concello de Caldas de Reis comezará nos vindeiros días o proceso selectivo para o reforzo do seu persoal municipal, a través do Programa +Provincia da Deputación de Pontevedra.

O investimento ascende a un total de 152.219 euros, que irá destinado á contratación temporal, por un período de dez meses, dun total de sete persoas.

A intención do goberno local é que estas incorporacións xa estean traballando a partires do mes de abril.

A xestión permitirá á Administración municipal contar cun maior número efectivos nas áreas de Obras e de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos.

Os contratos serán de 30 horas semanais, cunha duración de dez meses.

Poderán acceder a estes postos persoas que se atopen inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

En total, serán unhas 30 aproximadamente as persoas que formarán parte do proceso selectivo.

Tal e como se establece nas bases de contratación, ademais dunha proba práctica, teranse tamén en conta outros factores á hora de establecer as puntuacións definitivas.

Terán preferencia aquelas persoas que se atopen en situación de desemprego de longa duración, así como aquelas mulleres e mocidade con baixa cualificación.

Tamén terán máis posibilidades de acceso a estes contratos temporais persoas maiores de 45 anos ou aquelas que poidan acreditar unha discapacidade física de máis do 65% ou con máis dificultades para acceder ao mercado laboral.

As vítimas de violencia de xénero, as familias monoparentais e as persoas con nieveis de renda máis baixa tamén terán prioridade no proceso selectivo.