Aspace xa ten gañadores do seu concurso de cociña

Marín
29 de novembro 2017

Os vencedores foron Suso Quintela e Jacinto Creo coa súa filloa "Galicia  Style" pertencentes á asociación  ASPACE-Coruña

Concurso de Cocina "En ASPACE Cocinamos Juntos" Aspace

A final do concurso "En Aspace Cociñamos Xuntos " tivo lugar este mércores na Escola Naval Militar de Marín. Os vencedores foron Suso Quintela e Jacinto Creo coa súa filloa "Galicia Style" pertencentes á asociación Aspace-Coruña. 

Con este certame que cumpre a súa terceira edición, Aspace-Galicia ten por obxectivo unir no mundo da gastronomía a persoas con parálise cerebral xunto aos seus familiares e/ou traballadores das entidades Aspace para que elaborasen a mellor filloa. 

A filloa de Suso e Jacinto, que contiña crema de queixo e crema de marmelo, impúxose ás elaboracións de Diego Moares, Esteban López e David Villaverde (Amencer- Aspace de Pontevedra), que crearon un menú con café e canela denominado "Filloca". Como terceiro grupo, competían Yoha Pérez e Sergio Viudez (centro APAMP en Vigo) con "Dulcinea", unha elaboración con dose de chocolate e amorodos.

Os participantes foron os gañadores das semifinais que se desenvolveron durante o mes de novembro na Coruña, Vigo e Pontevedra.

Nesta nova edición, os cociñeiros puideron mostrar a súa receita en pictogramas e as súas filloas en texturizado. Esta final contou cun xurado de excepción composto por Antonio Botana Álvarez do Restaurante Pandemonium (Cambados) e membro de Grupo Nove Cociñeiros; Julián Sánchez- Ferragut Ortiz- Repiso, Capitán de Fragata da Escola Naval Militar de Marín; e o blogueiro de gastronomía, Alberto Ribas Álvarez de "Máis grelos".

Como premio, os vencedores recibiron un lote de produtos por cortesía das empresas colaboradoras e poderán gozar dunha cea nun dos restaurantes do Grupo Nove. O resto de participantes recibiron a súa cesta de produtos gourmet recoñecendo a súa participación no concurso. Así mesmo, ao xurado entregóuselle un detalle elaborado polos participantes da entidade Amencer- Aspace.