Asinado o convenio polo que a Deputación pagará o acondicionamento do local municipal en Ferreiros

Pontevedra
08 de abril 2019

En virtude do acordo, a Deputación achegará a cantidade íntegra para remodelar o local, un total de 1.246.953,40 euros, e o Concello será o encargado da adxudicación da obra, que executará a Unión Temporal de Empresas (UTE) Prace-San Emeterio

Local da rúa dos Ferreiros que comprou o Concello Mónica Patxot

Ante a imposibilidade de cadrar as axendas institucionais de Carmela Silva e Miguel Anxo Fernández Lores, o Concello de Pontevedra e a Deputación asinaron de xeito privado o convenio polo que o goberno provincial pagará o acondicionamento do novo local municipal na rúa dos Ferreiros.

En virtude do acordo, a Deputación achegará a cantidade íntegra para remodelar o local, un total de 1.246.953,40 euros, e o Concello será o encargado da adxudicación da obra, que executará a UTE Prace-San Emeterio.

As novas dependencias municipais na rúa dos Ferreiros teñen unha superficie de 1.328 metros cadrados divididos en dúas plantas: unha de 600 metros cadrados e outra de 728 metros cadrados.

Acollerán a 70 funcionarios das áreas de Urbanismo (disciplina urbanística, medio ambiente e policía administrativa, oficina técnica de licenzas e inspección, oficina técnica de rehabilitación, servizo de urbanismo, planeamento e patrimonio) e Tesourería (tesourería, xestión tributaria, contratación tributaria, tributos e inspección).

A remodelación inclúe todos os servizos, domótica, videovixilancia, mobles ou arquivos, así como unha reforma interior pensada para aforrar ata un 50% dos consumos de enerxía habituais nas oficinas deste tipo. De feito, instálase unha celosía de madeira exterior que poida servir para refrescar as oficinas no verán ou manter o calor no inverno.

Ademais, adoptaranse estratexias do que se vén en chamar arquitectura pasiva para conseguir unha cualificación enerxética de proxecto tipo "A", a mellor das posibles.