O modelo urbano de Pontevedra segue a ser noticia alén das nosas fronteiras. A última en facerse eco do deseño da capital pontevedresa foi a revista estadounidense Fast Company.
Esta publicación centrada nos negocios, que edita tan só seis números anuais, centrou unha das súas reportaxes na Boa Vila. Foi da man de David Zipper, profesor asociado do Centro Taubman da Harvard Kennedy School, experto en mobilidade.
Na súa peza, que está a circular por redes sociais, Zipper trata de resumir as leccións aprendidas do modelo de Pontevedra en cinco ámbitos.
Así, reflexiona como "sen coches" non significa sen coches, analiza a mellora da seguridade viaria, subliña como a falta de coches atrae novos residentes e estimula a economía local ou mesmo explica que a limitación dos vehículos adoita vir acompañado de éxitos políticos.
Pontevedra divulgará tamén o seu modelo en Madrid. Será o vindeiro mércores 20 de setembro na xornada "O futuro da mobilidade sostible", organizada polo colexio de enxeñeiros de camiños.
Asistirá ao encontro o director xeral de Mobilidade e Obras, Jesús Gómez Viñas, para expor o singular modelo de zonas urbanas de baixas emisións da cidade de Pontevedra, xunto a responsables dos concellos de Madrid, Barcelona e Londres.
Trátase, segundo os seus responsables, dun encontro de formación aberto aos colexiados de Madrid dentro das liñas de traballo da entidade que pretende canalizar as demandas e necesidades para o desenvolvemento do servizo.