Así será o regreso ás aulas deste luns

Pontevedra
24 de maio 2020

O regreso ás aulas é voluntario por parte dos alumnos e as clases poderán ser retransmitidas por medios telemáticos para o alumnado que non acuda ao centro educativo, preferentemente en directo

IES Sánchez Cantón PontevedraViva

Este luns 25 de maio regresan ás aulas dos institutos tras o confinamento pola Covid-19 os alumnos de 2º de Bacharelato que se preparan para a selectividade, tamén para os de Formación Profesional que terminan ciclos.

O regreso ás aulas é voluntario por parte dos alumnos e as clases poderán ser retransmitidas por medios telemáticos para o alumnado que non acuda ao centro educativo, preferentemente en directo.

A Consellería de Educación entregou este venres o protocolo coas instrucións para o reinicio da actividade lectiva presencial.

As aulas reducen o numero de alumnos á metade, ata un tope de 15 persoas, para cumprir coa distancia interpersoal de dous metros, aínda que todo será en función dos alumnos que retornen.

Os centros habilitaron percorridos en circuíto para evitar aglomeracións, as entradas e saídas serán ordenadas, en fila e con distancia interpersoal, restrínxese o uso de elementos comúns como bancos para evitar aglomeracións, hai máis desinfección e impóñense as máscaras obrigatorias se non é posible gardar dous metros de distancia.

Non terán que asistir ao centro aqueles profesores de máis de 60 anos de idade, quen sufra calquera enfermidade crónica de risco ou que teñan fillos a cargo menores de 13 anos.

Coa entrada na fase II permitirase ás familias recoller o material dos seus fillos aínda que será a dirección de cada centro a que determine se establece un quendas ou un sistema de cita previa.

A devolución e recollida dos libros de texto deste curso poderase realizar ata o 7 de xullo, aínda que os estudantes con algunha materia pendente poderán quedar cos libros ata o exame e, como máximo, ata o 7 de setembro. Será nese mes ademais cando, de maneira preferente, se entreguen os libros de préstamo, para manter así un tempo de corentena no centro (como mínimo, os textos deberán estar gardados 14 días).