Así será o futuro Paseo Alcalde Blanco cun maior espazo para zonas verdes

Marín
06 de novembro 2019

A obra terá un plazo de execución de sete meses desde o replantexo e un custe total de 1.312.653,45 euros. A súa adxudicación foi aprobada este mércores na Xunta de Goberno local

Infografía da humanización do Paseo Alcalde Blanco Concello de Marín

O Concello de Marín aprobou este mércores a adxudicación da remodelación e humanización do Paseo Alcalde Blanco. A empresa Copcisa será a encargada de realizar a obra, que foi adxudicada por un importe de 1.3 millóns de euros.

Esta actuación, unha das máis relevantes no panorama urbanístico da vila, está confinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro da estratexia EDUSI enmarcada a nivel local no proxecto Marín 2020.

Con esta adxudicación, dáse un paso máis na constitución dun paseo que se converterá "nun espazo agradable, verde, humanizado, con mellor iluminación e con opcións de ocio para todas as idades", en palabras da alcaldesa, María Ramallo.

Na memoria descritiva do proxecto se especifica que a compoñente paisaxística será a gran protagonista da humanización do paseo, cunha mellor integración entre a sociedade e o mar e co adecentamento da súa punta, que no seu día quedou inconclusa.

Para iso, crearase unha nova zona de transición, consistente nunha peza de madeira a modo de graderío, onde tamén de formalizarán pequenos miradoiros.

Asemade, o proxecto contempla a creación de áreas verdes amplas abondo para acoller diversas especies vexetais, seleccionadas previamente, que sirvan de barreira visual cara a infraestrutura portuaria que colinda co paseo.

Nestas áreas tamén haberá espazo para albergar bancos de descanso, elementos de xogo infantil e xogos acuáticos, entre outros elementos.

A humanización deste paseo suporá tamén a implementación dun novo local de hostalaría, cuxo deseño estea integrado ca contorna e que conte con amplos ventanais, facilitando a prestación das vistas ás persoas que vaian facer uso del.

O prazo de execución das obras é de sete meses, a contar desde a comprobación do replantexo.