Como unha reforma que "fará medrar a cidade" presentou o goberno municipal a rehabilitación integral da rúa Rosalía de Castro, a arteria do barrio de Mollavao. Formará parte, segundo o Concello, da "revolución" prevista para este ámbito urbano.
Só nesta actuación, que se sumará ao paseo peonil a Marín ou o novo vial de conexión coa Avenida de Marín, o executivo municipal investirá case 1,8 millóns de euros.
Para o deseño deste proxecto, os técnicos tiveron que "sortear atrancos", sinalou o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez. O máis importante, que a parte final da rúa "xa non é cidade" e nela hai "condicionantes " que, segundo o concelleiro, "afean a zona".
Restos de instalacións industriais ou vivendas que non están agrupadas fan ver "que non foi concibida como rúa senón como estrada", polo que investir esta realidade será unha prioridade. O Concello quere que esta zona teña "a mesma calidade urbana que as demais".
Esta reforma estará definida polas dúas rotondas que terá o segundo tramo de Rosalía de Castro nos seus extremos: a actual de Manuel del Palacio e a futura do vial de conexión coa Avenida de Marín, que teñen un "carácter diferente", segundo Demetrio Gómez.
Toda a rúa terá, explicou o responsable de Mobilidade, un tratamento "con porte" e as beirarrúas serán de formigón cun lixeiro varrido, semellante á estética de Arcebispo Malvar ou a conexión da Ponte do Burgo coa Avenida da Coruña.
Haberá un único carril de circulación, que terá sentido de saída da cidade, lombos en todos os pasos de peóns e as prazas de aparcamento estarán situadas no lado dereito da rúa. Ademais, renovarase por completo toda a iluminación e o mobiliario urbano.
O proxecto inclúe dúas áreas de nova creación pensadas para "cortar a lonxitude" da rúa e crear espazos de estancia. Unha delas será diante do colexio Salvador Moreno, onde se habilitará unha pequena praza, con bancos e zonas verdes.
Máis visual será a praza que o goberno municipal prevé crear no entroncamento de Rosalía de Castro coas rúas Benito Viceto e Licenciado Molina. Alí interromperase o carril de circulación e todo o pavimento será de granito, como o centro histórico. Será unha zona verde.
Pero esta reforma urbana non se limitará a Rosalía de Castro. Dentro desta actuación tamén se reforma a contorna da Casa do Mar. Haberá unha reordenación da rúa Simón Bolivar, onde se renovarán as beirarrúas e os aparcamentos e delimitarase o carril de circulación.
Ademais, a zona baixo a ponte da autoestrada terá, segundo o edil do BNG, un tratamento " moi especial". A zona máis próxima a Rosalía de Castro quedará convertida en zona verde e o actual parque de educación viaria pasará a ser un aparcamento disuasorio.
Toda esta reforma terá que esperar, iso si, á construción da nova conexión entre Rosalía de Castro e a Avenida de Marín. En todo caso, o Concello prevé sacala a licitación canto antes, tras a presentación do proxecto aos veciños, para "non demorarnos nin un día" unha vez abra ao tráfico o novo vial.