Así será "24K", o programa de Pablo Cimadevila e os seus irmáns para Discovery MAX

Pontevedra
25 de marzo 2015

Dende que se anunciou o pasado mes de febreiro que Pablo Cimadevila e os seus irmáns ían protagonizar un programa de televisión, moitos desexaban coñecer os detalles deste novo proxecto. E por fin Discovery MAX desvelou como será 24K, que se estreará en próximas semanas. Fíxoo no transcurso do FesTVal de Murcia, un encontro entre as cadeas e os profesionais do sector

Os tres irmáns Cimadevila na presentación do seu programa "24K" Discovery Max

Dende que se anunciou o pasado mes de febreiro que Pablo Cimadevila e os seus irmáns ían protagonizar un programa de televisión, moitos desexaban coñecer os detalles deste novo proxecto. E por fin Discovery MAX desvelou como será 24K, que se estreará en próximas semanas. Fíxoo no transcurso do FesTVal de Murcia, un encontro entre as cadeas e os profesionais do sector.

O programa, producido por FremantleMedia España, somérxese no día a día dun pequeno taller de xoiaría, propiedade de Pablo Cimadevila e os seus dous irmáns. O obxectivo é mostrar o minucioso traballo desta familia de xoieiros, un proceso que vai dende o deseño e a delicada manufactura destas exclusivas pezas de xoiaría ata o particular xeito de funcionar deste negocio, cuxa base é a casa familiar dos Cimadevila en Pontevedra.

24K arranca cos primeiros pasos do novo negocio, froito da determinación de Pablo por dedicarse ao que máis lle gusta: deseñar e producir pezas de xoiaría únicas. Ao longo de cinco episodios, os espectadores seguirán este proceso xunto a Pablo, alma do taller e parte creativa da sociedade, e os seus irmáns David e Miguel, máis centrados no negocio e en conseguir novos clientes e pedidos.

A serie mostrará o proceso creativo, a manufactura e as historias que se esconden tras cada xoia, todo iso rexistrado coas últimas tecnoloxías audiovisuais e unha marcada personalidade, para descubrir o complexo traballo artesán dos Cimadevila. Tratan de impulsar 'Kamikake', a liña de xoiaría coa que Pablo soña e pola que traballa cada día, e que dá título ao programa.

Os clientes, empresas e particulares vidos de toda España, e as súas solicitudes, en ocasións extravagantes, compartirán protagonismo coas tramas protagonizadas polos distintos membros da familia. E é que, os rozamentos propios dos negocios familiares, as tensións xurdidas por traballar a contra o reloxo para entregar unha peza a tempo e o forte carácter dos tres irmáns non tardarán en aparecer.

ENCARGOS DE CLIENTES EN CADA EPISODIO

En cada capítulo, os irmáns Cimadevila recibirán encargos de clientes distintos, como por exemplo persoas que buscan unha peza única ou outras que queren dar un toque exclusivo a unha antiga xoia. Os traballos únicos e exclusivos son os que permiten a Pablo dar renda solta á súa creatividade e traen de cabeza aos seus irmáns David e Miguel. Detrás de cada xoia escóndense historias, anécdotas, triunfos e recordos das persoas que acoden ao taller coas peticións máis diversas e inusuais.

ÿ o caso de Montserrat, primeira española que cruzou a nado a Canle da Mancha e vicepresidenta da Channel Swimming Asotiation, que encarga a Pablo unha medalla de ouro macizo tallada a man. Trátase dun pedido moi importante para Pablo, xa que intentou realizar esta fazaña durante a súa etapa de nadador hai uns anos.

Ademais, unha empresaria galega contacta co taller dos Cimadevila para que convertan unha charramangueira e valiosa sortella antiga nun flamante regalo de graduación para a súa filla. Todo un reto se temos en conta que a sortella inclúe unha esmeralda, unha delicada pedra preciosa que pode romper en anacos cun simple golpe de cicel de máis.

Os irmáns Cimadevila tamén se enfrontarán a retos sorprendentes como o que lles propón Pepe Solla, xefe de cociña cunha estrela Michelin que recorre a eles para unir o mundo da gastronomía co da xoiaría; o anel de ouro con forma de aro de millo que lles encargan unha moza parella que vai casar; ou o emotivo pedido dunha muller que acaba de perder o seu marido e que, despois de converter as cinzas deste nun diamante, lle pide a Pablo que lle deseñe un anel para levalo sempre no dedo.

Ante esta oportunidade, o medallista paralímpico afirma que "ter a oportunidade de mostrar nunha serie a loita que supón sacar adiante un negocio familiar neste país e dar a coñecer un sector tan pechado e competitivo como o da xoiaría é algo extraordinario". Pablo Cimadevila sinala ademais que esta aposta é atrevida, "pero estamos convencidos de que imos conseguir tirar por terra moitos clixés, empezando pola percepción de que o mundo da xoiarías é un mundo exclusivamente feminino".