Así queda a nova corporación municipal de Pontevedra

Pontevedra
25 de maio 2015

Tras os resultados das eleccións do 24 de maio, haberá unha nova composición na corporación municipal. De entrada, serán cinco as forzas políticas que estean presentes no Pleno tras a entrada de Marea Pontevedra e Ciudadanos. Iso si, Miguel Anxo Fernández Lores volverá presidir unha sesión onde haberá unha ampla maioría de concelleiros do BNG, doce dos vinte e cinco que a compoñen

Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra Mónica Patxot

Tras os resultados das eleccións do 24 de maio, haberá unha nova composición na corporación municipal. De entrada, serán cinco as forzas políticas que estean presentes no Pleno tras a entrada de Marea Pontevedra e Ciudadanos. Iso si, Miguel Anxo Fernández Lores volverá presidir unha sesión onde haberá unha ampla maioría de concelleiros do BNG, doce dos vinte e cinco que a compoñen.

O BNG é, precisamente, o que menos cambios rexistra con respecto á corporación anterior. Ademais de Fernández Lores, repetirán Demetrio Gómez, Carme da Silva, Luis Bará, César Mosquera, Anxos Riveiro, Raimundo González, Carmen Fouces, Vicente García Legísima e Pilar Comesaña.

A eles súmanse dúas novas incorporacións, Anabel Gulías e Alberte Oubiña, responsable de Organización de Galiza Nova na cidade.

No seu caso, tan só abandona a corporación Miguel Filgueira, que non repite por decisión persoal.

Con sete edís queda o PP, que cae dende os once actuais. Jacobo Moreira liderará, previsiblemente, un grupo municipal onde só repiten María José Rodríguez Teso e César Abal.

Estréanse catro populares como concelleiros, os máis estreitos colaboradores do candidato durante a campaña: Aurora Cañizares, Rafael Domínguez, Tomás Abeigón e José Luis Martín.

Desafiando ás enquisas, o PSdeG-PSOE de Agustín Fernández logrou manter os tres edís cos que contaba durante os últimos catro anos. Xunto a el sentaranse a avogada Paloma Castro e Iván Puentes, exalcalde de Fene e profesor do campus de Pontevedra.

E os dous novos partidos na corporación achegarán tres caras novas. Marea Pontevedra estará representada polo seu cabeza de lista, Luis Rei, e por Mari Carmen Moreira, representante dos veciños dos Praceres; mentres que Ciudadanos contará coa empresaria María Rey como concelleira da formación de Albert Rivera na capital da provincia.

A nova corporación constituirase nun Pleno previsto para o sábado 13 de xuño.

Arquivado en