Así proxectan reformar a praza da Liberdade

Pontevedra
30 de marzo 2023

Contará con dúas zonas de estancia, longas bancadas como zona de descanso, varias zonas verdes, láminas de auga e vai mellorarse a súa accesibilidade, segundo explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tras manter un encontro con representantes da Federación Castelao, que ocupará o local da praza que antes era empregado por unha cafetería

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, con integrantes da Federación Castelao observan as imaxes da reforma da Praza da Liberdade
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, con integrantes da Federación Castelao observan as imaxes da reforma da Praza da Liberdade / Mónica Patxot

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, mantivo un encontro este xoves con varios representantes da Federación de Asociacións de Veciños Castelao para presentar o proxecto de reforma previsto na praza da Liberdade. 

Trátase dunha proposta que ten previsto cambiar a actual imaxe, ofrecendo máis xardín e espazos verdes. A Federación Castelao será o colectivo que ocupará o recinto que anteriormente era unha cafetería, en substitución do que manteñen, de titularidade municipal, nos baixos da praza.

A intención, segundo Fernández Lores, é que con este cambio se visibilicen "as propostas que poidan facer coa veciñanza". A praza ademais, na reforma prevista, contempla unha reordenación de espazos e do tránsito peonil. 

Está prevista a creación dunha bancada de descanso, un par de láminas de auga e diversos espazos verdes. Segundo explicou o alcalde, o proxecto contará con fondos da Fundación Biodiversidade.  "Houbo unha previsión inicial de cuberta verde para o Pazo da Cultura, pero finalmente este será o espazo escollido para a súa aplicación", explicou o rexedor sinalando a intención de crear cubertas verdes, sempre atendendo a que todo o que figure na superficie debe ser "lixeiro", apuntou Lores. 

A intención é dotar de árbores na zona perimetral do aparcamento e facilitar a accesibilidade da praza e a creación de zonas de estancia, unha delas anexa ao edificio do local social.

O local social contará con aseos, sala de reunións, almacén e unha sala multiusos de máis de cincuenta metros cadrados.

A previsión é que se realice un investimento de 400.000 euros apróximadamente coa intención de sacar o proxecto de execución nos próximos meses para que salga a contratación e realizar a obra nun prazo estimado de catorce meses.