A cafetería da Praza da Liberdade será reformada para acoller un local social que xestionará a Federación Castelao
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra encargou ao estudo NAN Arquitectos a redacción do anteproxecto para reformar o local municipal da Praza da Liberdade, que hai anos funcionou como cafetería.
A portavoz do goberno local de Pontevedra, Anabel Gulías, comentou que a proposta "fainos ilusión" despois dos intentos errados de sacar a concesión este equipamento como negocio de hostalería, "as veces que o tentamos quedou deserto e isto fíxonos estudar outros posibles usos".
Dada a zona céntrica na que se sitúa, o goberno local considera unha "moi boa idea" habilitar un novo local social para o goce dos veciños. Xestionaríao a Federación Castelao que deixaría a súa actual sede na rúa Gagos de Mendoza, xusto debaixo da Praza da Liberdade que regresaría a mans do Concello que o empregaría como almacén.
Á Federación Castelao a actual sede quédaselle "pequena" polo que desde o goberno municipal "entendemos que esta cesión vai ser altamente positiva".
Ademais de encargar o anteproxecto deste local de 130 metros cadrados, "que está en bo estado", o Concello de Pontevedra tamén encargou a NAN Arquitectos "a reordenación da praza, de todos os seus espazos verdes lindeiros" coa idea de que a praza sexa unha continuación do propio local social "onde a xente desfrute e poida ter estancias longas como nun punto de encontro do barrio".
Neste proxecto o Concello quere contar coa opinión veciñal polo que abrirá un proceso de participación e consulta para recoller achegas e suxerencias.