Así é o sinal que identificará a Pontevedra como zona de baixas emisións

Pontevedra
12 de decembro 2023

Os sinais que identificarán toda a área urbana de Pontevedra como zona de baixas emisións comezarán a instalarse "o antes posible", segundo explicou este martes o edil de Mobilidade, César Mosquera, que presentou o deseño que terá esta sinalización

César Mosquera cos novos sinais que identificarán as zonas de baixas emisións PontevedraViva

Os sinais que identificarán toda a área urbana de Pontevedra como zona de baixas emisións comezarán a instalarse "o antes posible", segundo explicou este martes o edil de Mobilidade, César Mosquera, que presentou o deseño que terá esta sinalización.

O Concello tivo que modificar lixeiramente o modelo proposto a pedimento da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), o organismo que debía autorizar estes sinais.

Tras diversas "evolucións" nos últimos meses, a DXT deu o visto e prace ao deseño proposto desde Pontevedra, que propoñía inicialmente un fondo laranxa para identificar estas zonas, pero finalmente será branco para seguir a liña que marca este organismo.

O sinal, que será de forma rectangular e vertical, inclúe un coche coa emisión de gases, que indica que os vehículos que non sexan "tráfico necesario" ou servizos non terán autorizada a entrada nestas zonas de baixas emisións.

Este distintivo, que prioriza o uso da lingua galega, incluirá tamén estas instrucións noutros tres idiomas: castelán, inglés e portugués.

Mosquera sinalou que se colocarán os sinais "que sexan necesarios" pero engadindo que serán os "mínimos" para evitar encher toda a cidade con esta sinalización.

O Concello ten a obrigación legal de colocar estes sinais, pero sostén que "na práctica" non supoñerá cambio algún para os condutores porque toda a cidade de Pontevedra "xa é unha zona de baixas emisións" e optarase por seguir reducindo tráfico nalgunhas zonas.

Entre elas, Mosquera identificou un tráfico "elevado" en zonas como Eduardo Pondal ou Echegaray, aínda que en ambas as "xa baixou bastante". En Colón, dixo, é "asumible".