Así é a repartición de áreas de goberno na Deputación de Pontevedra

Pontevedra
04 de agosto 2023

Rafa Domínguez será vicepresidente segundo con competencias en todas as cuestións relacionadas con Pontevedra ademáis da área de Economía e Impulso ao Emprego. Tamén asume a xestión do Museo Provincial e o Convento de Santa Clara

Foto de familia do goberno da Deputación xunto ao presidente da Xunta Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra, que preside Luís López, deu a coñecer este xoves a repartición de áreas entre os 13 deputados que conforman o goberno provincial.

Marta Fernández-Tapias ocupará a vicepresidencia primeira con competencias en todas as cuestións relacionadas con Vigo, ademais de dúas áreas con gran proxección pública: Deportes e Cultura.

Rafa Domínguez será vicepresidente segundo con competencias en todas as cuestións relacionadas con Pontevedra ademáis da área de Economía e Impulso ao Emprego. Tamén asume a xestión do Museo Provincial e o Convento de Santa Clara.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, farase cargo da área de Reto Demográfico, Mocidade e Desenvolvemento Rural.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, será a responsable de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital.

O tenente de alcalde de Sanxenxo, Marcos Guisasola asume Medio Ambiente e Mar e o tenente de alcalde de Vilanova de Arousa, Javier Tourís, Acción comunitaria e Equipamentos públicos.

Á fronte das Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación estará a enxeñeira Isabel Couselo, líder da oposición en Cuntis. 

O alcalde da Estrada, José López Campos será o responsable de Cooperación Local e Emerxencias.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, farase cargo de Turismo aproveitando a súa experiencia durante a súa etapa na Xunta.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña encargarase das áreas de Asistencia aos concellos, Transparencia e Administración Xeral. 

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo será o responsable da Xestión Tributaria, Patrimonio e Formación.

A concelleira redondelana Sandra Bastos xestionará Igualdade e Benestar Social.

O novo rexedor da Guarda, Roberto Álvarez, xestionará a Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais.