Así é a reforma urbana que busca "darlle unha volta" ás rúas Altamira e Vilar Ponte

Pontevedra
14 de abril 2023

O que nos anos 60 foi un barrio "innovador" no seu deseño acabou degradándose pola presión urbanística que afectou a esta zona nas décadas dos 80 e os 90. Pero agora, trinta anos despois, a contorna da Rúa Altamira vivirá unha auténtica revolución

Presentación da reforma da Rúa Altamira Mónica Patxot

O que nos anos 60 foi un barrio "innovador" no seu deseño acabou degradándose pola presión urbanística que afectou a esta zona nas décadas dos 80 e os 90. Pero agora, trinta anos despois, a contorna da Rúa Altamira vivirá unha auténtica revolución.

A través dun proxecto integral, en cuxa elaboración participaron os veciños do barrio que participaron en diversos grupos de traballo, o Concello impulsa unha ambiciosa remodelación das rúas Altamira e Vilar Ponte, as dúas principais arterias deste ámbito.

"Queremos recuperar o barrio", sostivo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que explicou que esta actuación ten "todos os compoñentes" para que sexa unha reforma "exitosa" e se recuperen amplos espazos públicos para a convivencia veciñal.

Fernández Lores avanzou que esta reforma, que nunha primeira fase centrarase unicamente na rúa e nos terreos de titularidade pública, busca "darlle unha volta" a toda esta zona "para que teña unha maior calidade urbana".

A elaboración do anteproxecto desta actuación estivo coordinada polas arquitectas Ana Barreiro e África Martínez de Taller Aberto. Elas foron as que traballaron cos veciños "sen ideas impostas" e animando a que os residentes achegasen solucións.

A proposta municipal suxire dar un pavimento uniforme ás rúas Altamira e Vilar Ponte, mellorar toda a iluminación pública, instalar mobiliario urbano ou plantar árbores "para refrescar o ambiente", detallou África Martínez.

Ademais, retiraranse todas as prazas de aparcamento en superficie para poder aproveitar ese espazo para crear "áreas libres" para a convivencia veciñal, deixando toda esta contorna reservada para o acceso de residentes, servizos ou carga e descarga.

A actuación incluirá tamén cambiar a varanda que hai en Altamira para que sexa "máis lixeira e non sexa unha barreira visual" ou a renovación de todos os servizos soterrados, desde o abastecemento ou o saneamento ás redes de pluviais, gas ou telecomunicacións.

"A idea é abrir o barrio á rúa desde San Antoniño", indicou a coautora do anteproxecto, para o que se elevará o pavimento da entrada á rúa Altamira para crear unha praza que sirva como "antesala" a todo este barrio.

Xandre Otero, un dos veciños que participou neste proceso, celebrou que este proxecto vaia a servir para "mellorar un barrio que está degradado" e darlle un "cambio de cara" a unha zona que é "como unha aldea urbana" que dá pé á convivencia veciñal.

O Concello contratará "inmediatamente" o proxecto desta actuación, que buscarán executar canto antes para recuperar todo o seu espazo público.

A iso sumarase, de maneira paralela, unha proposta de intervención artística para crear murais en diversos muros ou zonas baixas dos edificios do barrio, partindo dun estudo de cor e da colaboración dos propios residentes.