Así é a nova imaxe de PontevedraViva

Pontevedra
02 de outubro 2024

Coincidindo co noso duodécimo aniversario, PontevedraViva renóvase. Facémolo para seguir crecendo e cunha imaxe moderna, elegante e dinámica, máis acorde cos tempos que corren. Adaptada aos novos retos da internet e do propio xornalismo

Nova imaxe de PontevedraViva

Coincidindo co noso duodécimo aniversario, PontevedraViva renóvase. Facémolo para seguir crecendo e cunha imaxe moderna, elegante e dinámica, máis acorde cos tempos que corren. Adaptada aos novos retos da internet e do propio xornalismo.

Non perder a nosa filosofía e ter un estilo propio foron dúas das claves do traballo realizado pola compañía Mortensen para actualizar a imaxe de PontevedraViva.

Ao ser un xornal vivo, en constante cambio, buscouse reflectir o dinamismo e fluidez característicos da recoñecida ría de Pontevedra, a cal serviu como o principal concepto inspirador no deseño de toda esta nova identidade.

Así, seguiuse unha liña de deseño amigable que incorpora liñas curvas no isótopo, a tipografía, as iconas e outros elementos visuais.

A amabilidade e a proximidade transmítense a través destas formas suaves e curvas, creando unha experiencia visual coherente que reforza a identidade de PontevedraViva.

Mantemos as cores azul eléctrico e branco, característicos de Pontevedra, que nos acompañaron nestes doce anos. A eles incorporamos o negro e o verde neón, evocador da natureza galega, para destacar diversos elementos da marca.

A tipografía utilizada é Red Hat Display, unha fonte sans-serif que combina formas redondeadas con cantos rectos para transmitir carácter, reforzando así os valores de marca. Ten un estilo forte e atemporal que combina bordos máis suavizados con liñas rectas.

Ademais, esta tipografía é compatible tanto en formatos físicos como en contornas dixitais, o que nos achega unha maior flexibilidade e consistencia.

Próxima, orixinal, adaptable a todo tipo de soportes e, sobre todo, mostrando que somos un xornal ancorado no territorio. Así é esta nova imaxe de PontevedraViva que, a partir de agora, será a nosa sinal de identidade e a nosa carta de presentación.